Pestanas principais

A Comisión do Rural realiza a avaliación final dos Orzamentos Participativos 2018

Sábado, 06 de abril de 2019

Esta semana reuníronse os representantes das distintas parroquias que integran a Comisión de Orzamentos Participativos, xunto con membros do goberno municipal de Ames. Esta xuntanza realizouse co obxectivo de informar da execución das propostas seleccionadas e valorar e avaliar conxuntamente o desenvolvemento do proceso. Tamén se deu conta dos proxectos que están pendentes de executar e en fase de licitación. No Orzamento municipal de 2019, aprobado de xeito inicial o pasado 14 de marzo, recóllese unha partida de 132.000 euros para os Orzamentos Participativos deste ano 2019.

Esta xuntanza serviu para facer unha avaliación final dos Orzamentos Participativos de 2018. Acudiron representantes de todas as parroquias, menos da parroquia de Ortoño, e membros do goberno municipal. En primeiro lugar, deuse conta de como están os expedientes administrativos das actuacións elixidas, as actuacións que estaban xa totalmente executadas e as que quedan pendentes de realizar.

Ademais, explicouse o motivo do atraso na execución dalgunha das propostas, que foi debido a entrada en vigor no pasado mes de marzo de 2018 da nova Lei de Contratos do Sector Público (Lei 9/2017, do 8 de novembro) que obriga a facer unha licitación aberta cando os expedientes de gasto superan uns límites ou importes establecidos como foi o caso da contratación do subministro de luminarias, que ascende ao importe de 32.300 euros, e deste xeito supera os 15.000 euros establecidos na lei, polo que non se puido tramitar cun contrato menor.

Por iso, tívose que tramitar o correspondente expediente de licitación que está na fase de clasificación de ofertas. Tamén se esta á espera de que os representantes da parroquia de Agrón informen sobre a situación onde se van colocar os taboleiros de anuncios e paneis de sinalización; da adquisición de dous puntos de luz; e do arranxo do parque infantil de Guimaráns; actuacións que se desenvolverán nos próximos meses.

Proxectos executados
Executáronse os seguintes proxectos: a reparación do firme asfáltico e do pavimento de varios lugares do municipio: Vilouta, na parroquia de Tapia; Firminstáns, na parroquia de Bugallido; na estrada que une os lugares de Covas e Pousada; A Igrexa, na parroquia de Covas; na estrada que une os lugares de Punxeiras Altas e As Cortes; e en Fernande, na parroquia de Piñeiro.

Tamén se realizou a mellora do illamento térmico do local social de Trasmonte; o arranxo e acondicionamento do centro sociocultural de Lens; o arranxo das cunetas no lugar de Balindo, en Piñeiro; e a colocación de tubos na marxe dereita da pista da Madalena para ampliar a calzada de Tapia.

Nestes intres está en fase de licitación a mellora na instalación de alumeado público, consistente en substitución de puntos de luz incandescente/vapor mercurio por luminarias les nos lugares de Oca e Raíces, así como nas estrada de Pedrouzos, Paramuíño e de Cortegada.

Por outra banda, quedan pendentes de finalizar os seguintes proxectos: a colocación dos taboleiros de anuncios nas aldeas da parroquia da Ameixenda; así como nos lugares de Ventosa, Loureiros, O Lombao e no local social de Covas; a colocación dun punto de luz en Piñeiro; a adquisición de dúas novas farolas led para Tapia; a mellora da sinalización das aldeas de Agrón; a colocación dos taboleiros informativos nas aldeas de Agrón; e o arranxo do parque infantil en Guimaráns, na parroquia de Bugallido.

Ligazóns

A Comisión do Rural realiza a avaliación final dos Orzamentos Participativos 2018