[07-10-2017] A comisión de Orzamentos Participativos volverase a xuntar este martes, 10 de outubro, ás 20:30 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Nesta nova reunión, na que participarán os representantes das distintas parroquias e membros do goberno municipal, presentarase a valoración económica das propostas provisionais elixidas. Tamén se traballará na selección e aprobación, se procede, da relación de propostas definitivas. A COP seleccionou 27 propostas das 186 solicitudes presentadas. Agora, preséntase a valoración económica destas 27 propostas, que recollen actuacións nas parroquias da Ameixenda, Ames, Biduído, Bugallido, Covas, Lens, Ortoño, Piñeiro, Tapia e Trasmonte.
O proceso de orzamentos participativos segue avanzando. Deste xeito, convocouse unha nova xuntanza da comisión de Orzamentos Participativos para o martes 10 de outubro no Pazo da Peregrina. O obxectivo é que na cuarta xuntanza de dita comisión se poida ver a valoración económica das 27 propostas provisionais escollidas na pasada xuntanza do 29 de agosto. Todas as propostas que se valoraron son actuacións sobre bens ou terreos de titularidade municipal.
Nas 27 solicitudes seleccionadas de xeito provisonal inclúense propostas que coinciden en moitas parroquias, como actuacións en accesibilidade dos locais municipais, arranxo de locais sociais municipais, arranxo e acondicionamento de pistas, prazas, arranxo de lavadoiros, mellora no alumeado público, colocación de indicadores dos lugares e sinalización, e colocación de paneis informativos.
Agora, os integrantes da COP terán que seleccionar e aprobar, se procede, a relación definitiva de actuacións que se executarán en cada parroquia. Para iso haberá que ter en conta que a cada parroquia lle corresponden 12.000 euros para poder realizar as propostas presentadas. Así, en función do valor de cada proposta poderanse facer máis ou menos actuacións. Cómpre lembrar que para o proceso de Orzamentos Participativos de 2017 existe unha partida económica de 132.000 euros.
A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, apunta “seguimos avanzando no traballo da comisión de Orzamentos Participativos e na próxima xuntanza do martes 10 de outubro agardamos aprobar xa a relación de propostas definitivas seleccionadas. Teño que destacar a implicación e compromiso da veciñanza neste proceso. Tamén teño que agradecer o traballo feito, de xeito conxunto co Concello, das e dos representantes veciñais de cada parroquia. Así mesmo amosamos que a aposta deste goberno é seguir traballando e implantando estas fórmulas de participación e colaboración directa coa cidadanía, pois este debe ser o camiño a seguir".
Adquisición dunha retroescavadora de segunda man
Presentáronse un total de 186 propostas veciñais correspondentes ás parroquias da Ameixenda, Ames, Biduído, Bugallido, Covas, Lens, Ortoño, Piñeiro, Tapia e Trasmonte. Da parroquia de Agrón non se presentou proposta algunha, polo que os 12.000 euros que lle correspondían a este parroquia dedicaranse a adquisición dunha retroescavadora de segunda man para realizar traballos de arranxo de pistas e cunetas polo rural amesán.
Esta proposta foi presentada polo goberno municipal, xa que redunda no beneficio de toda a veciñanza amesá, como alternativa para poder empregar os 12.000 euros sobrantes que ían ser dedicados á parroquia de Agrón. Finalmente, dita proposta foi aprobada por unanimidade na xuntanza mantida pola comisión o pasado 6 de xullo.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "La comisión de presupuestos participativos de Ames analizará 27 iniciativas"




