[29-09-2018] A Comisión de Orzamentos Participativos do rural 2018 vén de reunirse para avaliar o resultado da Asemblea final de reconto de votos feita no pasado mes de xullo e para escoller as propostas máis votadas cos seus respectivos orzamentos de execución. Nesta xuntanza participaron veciñas/os das parroquias de Ameixenda, Covas, Ames, Trasmonte, Bugallido, Piñeiro, Ortoño, Lens, Tapia e Biduído, en calidade de representantes das parroquias, xunto con membros do goberno e persoal técnico da empresa Cidadanía. As 22 propostas seleccionadas aglutínanse en diferentes áreas de actuación como camiños veciñais; promoción cultural; alumeado público; vías públicas e outros servizos básicos; así como parques e xardíns.

En primeiro lugar, explicóuselle aos membros da Comisión de Orzamentos Participativos do rural 2018 os pasos dados dende as Asembleas de votación realizadas nas distintas parroquias e maila Asemblea de reconto final de votos e selección de propostas. O persoal técnico da empresa Cidadanía fixo un resumo dos resultados dos votos, emitidos en cada parroquia, para a selección de propostas e o reconto de votos e listaxe final de propostas escollidas coa súa puntuación.
Unha vez finalizada esta exposición procedeuse ao reparto da listaxe das tres propostas máis votadas en cada parroquia indicando na listaxe o importe estimado de orzamento de cada actuación. O concelleiro de Obras e Servizos Básicos informou sobre os traballos a realizar e orzamentos solicitados para cada actuación proposta.
A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, destaca “continuamos traballando coa Comisión de Orzamentos Participativos do Rural avaliando os resultados das votacións e escollendo para executar aquelas propostas máis votadas pola veciñanza. Este ano houbo unha participación moi alta, case 500 propostas presentadas, e tamén foi un proceso máis aberto á cidadanía coas Asembleas de votacións polas parroquias onde cada veciña/o puido escoller e elixir as propostas. Agora entramos na fase de execución, de aquí ao final de ano, na que tamén a veciñanza participa facendo un seguimento. Agradecer novamente o traballo das/os representantes das parroquias e da veciñanza en xeral pola súa implicación e compromiso”.
Propostas definitivas de actuación
Na parroquia de Tapia realizarase a reparación de firme asfáltico no lugar de Vilouta, detrás da Igrexa, así como na estrada que une os lugares de Covas e Pousada. Tamén se van adquirir dous novos farois led; e procederase á colocación de tubos na marxe dereita da pista da Madalena, para ampliar a calzada. En Trasmonte abordarase a mellora do illamento térmico do local social.
Por outra banda, na parroquia de Bugallido repararase o pavimento no lugar de Firminstáns; e arranxarase o parque infantil en Guimaráns; mentres que en Covas repararase o firme asfáltico na estrada que une os lugares de Covas e Pousada; colocaranse uns taboleiros de anuncios nos lugares de Ventosa, Covas (local social), Loureiros e Lombao; e repararase o pavimento asfáltico no lugar da Igrexa. Na parroquia de Lens arranxarase e acondicionarase o centro sociocultural.
Asemade, na parroquia de Ortoño vaise reparar o firme asfáltico na estrada que une os lugares de Punxeiras Altas e As Cortes. En Piñeiro, executaranse tres proxectos. O primeiro, consistirá na reparación do pavimento de calzada no lugar de Fernande; o segundo, é o arranxo de cunetas en Balindo; e en terceiro lugar, procederase á colocación dun punto de luz. Na parroquia de Agrón vaise a mellorar a sinalización das aldeas, e colocaranse taboleiros informativos nas diferentes aldeas da parroquia.
Mellora do alumeado público
Nas parroquias de Ames, Biduído e da Ameixenda executaranse varias actuacións de mellora do alumeado público, que consisten na substitución de puntos de luz incandescente/vapor mercurio por luminarias LED. Deste xeito, na parroquia de Ames procederase ao cambio de iluminación LED en Oca, e repararase e cambiarase a luces LED dende Pedrouzos a Lamas. Na parroquia de Biduído vanse colocar luminarias LED na aldea Paramuiño, na pista de Ventín a Paramuíño e ao colexio, e na aldea de Raíces. Por último, na Ameixenda cambiarase a iluminación, para colocar luminarias led na estrada principal; así como se colocaran taboleiros de anuncios en todas as aldeas da parroquia.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "El rural de Ames decide que mejoren luminarias y viales"




