Pestanas principais

A comisión de Orzamentos Participativos aproba por unanimidade a relación de 22 propostas que se executarán en 10 parroquias amesás

Martes, 24 de outubro de 2017

[24-10-2017] A comisión de Orzamentos Participativos vén de aprobar por unanimidade a relación definitiva que recolle 22 actuacións que se executarán nas parroquias da Ameixenda, Ames, Biduído, Bugallido, Covas, Lens, Ortoño, Piñeiro, Tapia e Trasmonte. Nesta xuntanza, na que participaron os representantes das distintas parroquias e membros do goberno municipal, presentouse a valoración económica das 28 propostas provisionais elixidas. No proceso de orzamentos participativos presentáronse 186 propostas por parte das asociacións de veciños/as. Ademais, hai que engadir a proposta feita polo goberno municipal, para a adquisición dunha retroescavadora de segunda man, polo que en total foron 187.

No pasado mes de maio o goberno municipal presentou a campaña de orzamentos participativos En Ames participamos e decidimos no noso concello!, a través da cal os veciños e veciñas amesáns puideron decidir os investimentos que se farán no rural durante este ano 2017. Foi a primeira vez que se puxo en marcha esta iniciativa de participación aberta, que estivo promovida dende a Concellaría de Economía e Facenda. O goberno municipal realizou xuntanzas nas distintas parroquias para informar de dita campaña e animar ás asociacións de veciños/as a presentar propostas.

En total, realizáronse 14 xuntanzas veciñais nas 11 parroquias do municipio. A estas xuntanzas acudiron máis de 200 veciños e veciñas. Unha vez finalizados entres encontros coa veciñanza dende o goberno municipal fíxose un balance moi positivo pola alta participación de veciños/as e polo de debate creado sobre a iniciativa de orzamentos participativos. Ademais, estas xuntanzas serviron para que os participantes lle trasladaran ao goberno as primeiras demandas e lles falaran das necesidades de actuacións no rural.

Unha vez pechado o prazo de presentación de propostas, constituíuse a Comisión de Orzamentos Participativos, na que participaron representantes das parroquias de Ameixenda, Covas, Trasmonte, Bugallido, Piñeiro, Ortoño, Lens, Tapia e Biduido e os membros do goberno de Ames; Genma Otero, Blas García e David Santomil. Esta comisión foi a encargada de valorar as 187 propostas e seleccionar as 22 actuacións que se executarán.

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, explica que “desde o goberno de Ames amosamos o noso contento no desenvolvemento deste proceso de Orzamentos participativos 2017, no que todas as decisións e acordos acadados foron por unanimidade dos membros integrantes da COP. Destacar que das 22 propostas definitivas seleccionadas, 20 corresponderon a iniciativas colectivas presentadas por asociacións veciñais, o que indica que a veciñanza amesá no rural ten un tecido asociativo forte. Este proceso axudou a potenciar este asociacionismo naquelas parroquia onde non estaba a funcionar”.

Relación definitiva de 22 actuacións
Na última xuntanza da Comisión de Orzamentos Participativos, mantida o pasado día 10 de outubro, elixiuse por unanimidade a relación definitiva que recolle as 22 actuacións que se executarán nas parroquias da Ameixenda, Ames, Biduído, Bugallido, Covas, Lens, Ortoño, Piñeiro, Tapia e Trasmonte. As actuacións presentadas recollen actuacións en accesibilidade dos locais municipais, arranxo de locais sociais municipais, arranxo e acondicionamento de pistas, prazas, arranxo de lavadoiros, mellora no alumeado público, colocación de indicadores dos lugares e sinalización, e colocación de paneis informativos.

Entre os proxectos aprobados atópase a instalación de farois led, canastras e porterías no campo da festa da Ameixenda; arranxar a praza do lugar de Lamas na parroquia de Ames; dotar ao local social de Biduído dunha rampla de acceso para as persoas con diversidade funcional; a rehabilitación do lavadoiro e da fonte pública da aldea de Tarrío na parroquia de Bugallido; acondicionamento da pista que bordea o campo da festa de Covas; arranxo das pistas do núcleo de Lens e mellora da seguridade viaria; arranxo do local social da Tarroeira na parroquia de Ortoño; arranxo da pista da aldea de San Mamede de Piñeiro; mellora da iluminación pública en toda a parroquia de Tapia; e arranxo da antiga escola unitaria de Trasmonte, entre outras actuacións.

Adquisición dunha retroescavadora de segunda man
A cada parroquia correspóndenlle 12.000 euros para poder realizar as propostas presentadas. Así, en función do valor de cada proposta poderanse facer máis ou menos actuacións. Cómpre lembrar que para o proceso de Orzamentos Participativos de 2017 existe unha partida económica de 132.000 euros. Da parroquia de Agrón non se presentou proposta algunha, polo que os 12.000 euros que lle correspondían a este parroquia dedicaranse a adquisición dunha retroescavadora de segunda man para realizar traballos de arranxo de pistas e cunetas polo rural amesán.

Esta proposta foi presentada polo goberno municipal, xa que redunda no beneficio de toda a veciñanza amesá, como alternativa para poder empregar os 12.000 euros sobrantes que ían ser dedicados á parroquia de Agrón. Finalmente, dita proposta foi aprobada por unanimidade na xuntanza mantida pola comisión o pasado 6 de xullo.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Vecinos de once parroquias amienses aportan 22 proyectos al presupuesto"
La Voz de Galicia: "Aprobadas 22 propuestas de los presupuestos participativos de Ames"
Lindeiros: "A comisión de Orzamentos Participativos de Ames aproba 22 propostas para 10 parroquias"