Pestanas principais

A Comisión de Orzamentos Participativos 2017 do Concello de Ames valora moi positivamente este proceso e defíneo como “participativo e participado”

Sábado, 20 de xaneiro de 2018

[20-01-2018] O pasado xoves, 18 de xaneiro, reuníronse os representantes das distintas parroquias que son membros integrantes da Comisión de Orzamentos Participativos, xunto coa concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, e o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, que actúan en representación do goberno municipal. Esta xuntanza realizouse co obxectivo de informar da execución das propostas seleccionadas e valorar e avaliar conxuntamente o desenvolvemento do proceso.

Respecto da realización das actuacións, o goberno municipal informou que se realizaron a totalidade de propostas menos unha que quedou pendente de execución este ano, gastando neste proceso máis crédito do que inicialmente se tiña previsto de 132.000 euros. Deste xeito, acadouse unha cifra de gasto que se achega aos 140.000 euros, financiando ese importe restante (uns 8.000 euros) con fondos propios do Concello de Ames.

Dentro das propostas executadas están actuacións como obras de accesibilidade; a mellora e acondicionamento dos locais socias de Biduído, Ortoño, Ameixenda e Trasmonte; a compra dunha retroescavadora para realizar limpeza de cunetas no rural; a rehabilitación do lavadoiro de Tarrío, o cambio de iluminación pública (instalación de dispositivos led) en toda a parroquia de Tapia; a colocación de paneis de sinalización en diversos lugares da parroquia de Trasmonte; a compra de mobiliario para os locais sociais de Augapesada; a instalación de taboleiros de anuncios nas aldeas de Ames; a execución de actuacións de mellora (mobiliario, farois, etc) no campo da festa da Ameixenda, a mellora das pistas e seguridade viaria en Lens; o acondicionamento do acceso ao campo da festa en Covas; a mellora de pistas en Piñeiro, Tapia, Ames, Bugallido...

A xuntanza comezou cos membros do goberno informando sobre a execución e desenvolvemento das propostas, e continuou coa valoración e opinión dos membros da Comisión sobre o proceso de participativos, facendo en conxunto un balance moi positivo da iniciativa e indicando que foi un proceso participativo e participado, pois as veciñas/os non só participaron na presentación, avaliación e elección das propostas, senón que mesmo participaron no seguimento da execución das actuacións e facendo achegas e suxestións. Tamén se coincidiu en destacar que sería conveniente que en 2018 dito proceso comece antes, para non ter que executar as propostas con tan pouco tempo de marxe coma en 2017.

Orzamentos Participativos para a mocidade
Desde o goberno informouse que, cumprindo co compromiso adquirido, repetirase a iniciativa do proceso de Orzamentos Participativos no rural durante o exercicio 2018, e se lles fixo unha proposta aos membros da Comisión para que continuaran traballando no novo proceso de Orzamentos Participativos do 2018, aceptando dita proposta. Engadiuse que haberá que facer un esforzo por conseguir representantes da parroquia de Agrón e de Ames. Adiantouse tamén que neste ano ampliarase a iniciativa participativa e establecerase de xeito paralelo un proceso de Orzamentos Participativos para a mocidade, no que xa se está a traballar. A xuntanza rematou establecendo unhas datas, 30 de xaneiro e 1 de febreiro para facer unha rolda de visitas polas parroquias para ver as actuacións desenvolvidas.

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, manifestou “volvo a reiterar o meu agradecemento a veciñanza amesá e particularmente aos membros da COP, polo compromiso adquirido, o traballo feito, e a implicación nesta iniciativa que deu resposta a moitas peticións e demandas no rural. Unha aposta por un traballo en colaboración que deu os seus froitos coa realización destas actuacións e que foi unha iniciativa pioneira no noso Concello. Toca seguir traballando e ampliando estas fórmulas de participación na área de Orzamentos e en todas as áreas, por iso reforzamos este compromiso este ano coa contratación da empresa Cidadanía, con acreditada experiencia en procesos de participación pública, para que nos asesore tecnicamente e asista no desenvolvemento do novo proxecto de Orzamentos Participativos do 2018”.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames aumentó hasta los 140.000 euros la cifra de Orzamentos participativos"