[02-02-2011] A Aula de Informática do Milladoiro acolle desde onte un curso de iniciación a Windows e Micosoft Word dentro das iniciativas que o Concello pon en marcha para que a veciñanza amiense teña a oportunidade de mellorar os seus coñecementos de informática. As novas tecnoloxías forman parte do día a día e cada día é máis preciso saber manexar un computador ou navegar por internet. O curso durará todo o mes en dúas quendas de mañá e tarde, que se desenvolverán ao longo da semana.
A Aula de Informática do Milladoiro puxo en marcha un curso de iniciación ao sistema operativo Windows e o procesador de textos Microsoft Word para que a veciñanza do concello poida aprender a desempeñarse con estas dúas ferramentas case imprescindíbeis hoxe en día. O curso arrincou onte con 21 persoas que de distribúen en dúas quendas, unha de mañá e outra de tarde, en horario de 10:00 h. a 12:00 horas e de 19:00 h. a 21:00 horas todos os días da semana. A iniciativa durará ata fin de mes. As xornadas oriéntanse a persoas maiores de 18 anos.
Vinte e unha persoas participan no curso. Entre eles hai xente de todas as idades, desde alumnos de 30 anos a persoas de 65 ou 67, con maioría de mulleres. A pais e nais, o horario de mañá permítelles asistir ás clases aproveitando o tempo que os seus fillos pasan diariamente na escola. Cómpre destacar que moitos dos asistentes non tiveron apenas contacto coa informática, aínda que algúns asistiron xa a semana pasada ás xornadas de iniciación a internet.
O curso ten dúas partes ben definidas que ocuparán dúas semanas cada unha. Na primeira delas as persoas participantes aprenderán a empregar Windows. Familiarizaranse así co manexo do escritorio, co emprego do menú, a creación de carpetas e iconas e a localización de programas e arquivos no ordenador que non se atopan a simple vista, entre outras características do sistema operativo.
A segunda parte centrase no emprego do procesador de Microsoft Word. Os asistentes aprenderán como escribir un texto e despois como traballar con el. Ensinaráselles a mudar o formato, a traballar coas diversas fontes, a inserir viñetas e en xeral a mudar a configuración do texto.
Este curso encádrase nun conxunto máis amplo de iniciativas que leva a cabo anualmente a Aula de Informática do Milladoiro coas que se pretende a alfabetización dixital da veciñanza nun mundo cada vez máis tecnolóxico. A boa acollida é dominante nestas iniciativas que se complementan co emprego libre da aula fóra dos horarios de cursos e obradoiros.
A nova noutros medios dixitais: