Pestanas principais

Comézase a repartir o material para o trampeo da avespa velutina

Mércores, 11 de marzo de 2020

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Transición Ecolóxica e do Medio Rural, comezou neste mes de marzo a facer o reparto do material para o trampeo da avespa velutina. O persoal do departamento de Medio Ambiente será o encargado de ceder 100 trampas e 100 unidades de líquido atrainte de raíñas. Ao tempo que se fai cesión de dito material achegarse unhas instrucións básicas sobre a colocación  das trampas e a utilización do líquido atrainte. Dende o Concello farase un seguimento e avisarase, unha vez finalizado o período de trampeo, sobre a conveniencia de retirar as trampas para non danar outras especies.

A Concellaría de Transición Ecolóxica e do Medio Rural pon en marcha, por terceiro ano consecutivo, a campaña de captura responsable de raíñas de vespa velutina, que se levará a cabo entre os meses de marzo e xuño. Deste xeito, durante este mes de marzo comezaron as actuacións que se realizarán no tocante ao inicio do trampeo. Esta etapa inicial está enfocada a capturar ás raíñas e imposibilitar, dese xeito, a aparición de máis niños primarios. Para elo, vanse ceder 100 trampas e 100 unidades de líquido atrainte de raíñas, mediante os que se busca evitar minimizar os danos que estas poidan ocasionar a outros insectos.

As persoas que colaboran nesta acción deben asinar un compromiso para garantir que o trampeo se realizará só durante os meses de marzo e xuño, e exclusivamente co líquido facilitado polo departamento de Medio Ambiente. Mediante estas medidas espérase minimizar ao máximo o uso de produtos que poidan alterar ou eliminar outros insectos ou plantas de forma colateral, actuando en exclusiva durante o tempo de voo das raíñas desta especie de vespa.

Unha vez repartidas as trampas, farase un seguimento telefónico de dito proceso para ir avaliando en que parroquias e zonas do municipio hai unha maior incidencia. Ademais, no momento do reparto daranse unhas instrucións básicas sobre a colocación das trampas e a utilización do líquido atrainte. Finalizado o período de trampeo informarase sobre a conveniencia de retirar as trampas para non danar outras especies.

O concelleiro de Transición Ecolóxica e do Medio Rural, Manuel Lens, anima aos amesáns e ás amesás a participar nesta iniciativa, que é a maneira máis eficaz de poder controlar a vespa velutina.

Colocación de trampas
As persoas interesadas en colaborar na loita fronte a expansión da velutina poderán solicitar unha destas trampas a través da Aula da Natureza, enviando un correo ao enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 660 004 665, en horario de 9:00 a 14:00 horas. O obxectivo desta acción é ir distribuíndo trampas polas parroquias máis afectadas, seguindo unha pauta de distribución de 500 metros entre elas.
 
Ao igual que en anos anteriores, durante este ano as trampas serán colocadas en dúas fases diferentes, a primeira das cales desenvolverase entre os meses de marzo e xuño. As trampas que se coloquen durante este primeiro período estarán dirixidas á captura de raíñas, que nesta altura do ano deixan de estar enterradas para a creación de novos niños. A segunda etapa do ciclo de loita contra a avespa velutina terá lugar nos meses de setembro e outubro. Nesta fase o obxectivo será apresar as novas raíñas existentes despois da primeira etapa.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames reparte cien trampas con líquido atrayente para capturar avispas reinas de velutina"

El Correo Gallego: "Ames declara a guerra ás velutinas raíña de cara a reducir a formación de novos niños"

Colmea da avespa velutina