Pestanas principais

Comezar a funcionar a brigada de prevención e extinción de incendios forestais de Ames

Venres, 29 de xullo de 2016

[29-07-2016] O capataz e mailos catro peóns, que forman a brigada de prevención e extinción de incendios forestais de Ames, asinaron esta mañá o contrato para poder comezar a funcionar a disposición do Distrito número III, co fin de realizar labores de vixilancia e extinción, así como traballos de prevención que neste caso son deseñados polo Concello de Ames en colaboración co Distrito forestal. O salario destas cinco persoas está sufragado durante tres meses, a través do convenio de colaboración asinado polos responsables da consellería do Medio Rural e polo alcalde de Ames. Ademais, este ano como novidade, o Concello sufragará o salario de dous destes peóns e do capataz da brigada durante dous meses máis, co obxectivo de que deseñen as labores de prevención de cara ao vindeiro ano 2017.

Durante a xornada de hoxe, o capataz e mailos catro peóns da brigada de prevención e extinción de incendios forestais de Ames, ademais de asinar dito contrato, mantiveron unha xuntanza cos responsables do departamento municipal de medio ambiente para falar e estruturar o plan de prevención que se vai desenvolver no concello amesá durante os cinco vindeiros meses. O luns, 1 de agosto, recibirán unha sesión de formación, tal e como se recolle no convenio asinado coa consellería do Medio Rural.

De seguido, o martes 2 de agosto, os membros desta brigada comezarán o seu traballo na base de Pousada. En principio poranse a disposición do Distrito número III, dependente da Xunta de Galicia, para realizar labores de vixilancia e extinción de incendios forestais. No caso de que non haxa que realizar este tipo de traballos, será o Concello de Ames o que lle encargue labores de prevención deseñadas polo departamento municipal de medio ambiente e aprobadas por dito Distrito.

Traballos de prevención
Ademais, este ano como novidade, o Concello sufragará os salarios de dous destes peóns e do capataz da brigada durante dous meses máis, co obxectivo de que deseñen as labores de prevención de cara ao vindeiro ano 2017. O obxectivo do goberno municipal é que a partir do mes de novembro estes dous peóns e mailo capataz se poñan a traballar no deseño das labores de prevención que haberá que realizar de cara ao ano 2017, en concreto a planificación de repoboacións con frondosas autóctonas nas faixas de protección de maior risco.

Esta brigada actuará no termo municipal de Ames, sempre e cando non sexa chamada para actuar en operacións de extinción e remate de incendios noutras zonas dependentes da consellería do Medio Rural. Os integrantes deste grupo están dotados dun equipo de protección individual e contan cun vehículo todo-terreo. Tamén dispoñen do material necesario para realizar o seu traballo como batelumes, desbrozadoras, etc.

No que se refire ás labores desta brigada o Concello de Ames está adherido ao procedemento operativo do PLADIGA 2016 como Plan director. Os trabalos de extinción son sempre marcados polo Servizo de Prevención e defensa Conta Incendios Forestais. Os principais traballos de prevención que terán que desenvolver son a roza, rareo e eliminación de restos vexetais en área de cortalumes, vías e camiños municipais, e faixas de xestión da biomasa vexetal. Estas labores teranas que realizar de xeito manual, sempre e cando, non se poidan desenvolver co tractor municipal. Esta brigada actuará nunha superficie máxima de 10 hectáreas.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Xa está operativa a brigada forestal de incendios amiense"