- Tematica
O alcalde de Ames, Blas García, e a concelleira de Deportes, Susana Señorís, recibiron recentemente no Concello de Ames os representantes da International Association of Ultrarunners (IAU), para avanzar na organización do Campionato do Mundo IAU de 100 km, que se celebrará no municipio o 20 de setembro de 2026.
Na reunión participaron o director de comunicación da IAU e coordinador xeral do evento, John O’Regan, e o vicepresidente do Comité Técnico e delegado técnico do campionato, Tamás Molnar. Pola parte da organización local asistiron tamén Francisco Rico, coordinador do campionato a nivel local, Maribel Montes, secretaria xeral de dito campionato, así como Alberto Viaño e Iván Sanmartín, técnicos municipais de Deportes do Concello de Ames, xunto con membros do equipo técnico e do goberno municipal.
Desde o Concello de Ames destácase a satisfacción por poder ser sede dun campionato do mundo, un fito que recoñece a ampla experiencia do municipio na organización de probas deportivas e que supón un importante salto cualitativo na súa proxección deportiva. Así mesmo, sublíñase que este evento será un gran escaparate para dar a coñecer, a nivel nacional e internacional, todo o que o concello pode ofrecer, tanto na organización de eventos deportivos de primeiro nivel como para visitar e desfrutar da súa contorna, da súa gastronomía e do seu comercio.
Durante o encontro abordáronse aspectos organizativos e técnicos clave, así como a coordinación entre todas as partes implicadas. O principal obxectivo da xuntanza foi planificar os detalles fundamentais da proba, reforzar o traballo conxunto entre a IAU e o Concello de Ames e garantir que o campionato se celebre con éxito, cumprindo os máis altos estándares internacionais.
Desde o Goberno municipal expresouse a satisfacción pola estreita colaboración establecida, salientando o compromiso de Ames coa promoción do deporte de elite e coa organización de eventos internacionais que contribúen a poñer en valor o municipio e o seu tecido social e deportivo.
Novas relacionadas
La Voz de Galicia: "Comienzan las reuniones de coordinación para el mundial de 100 kilómetros"





