Pestanas principais

Comezan as segundas xornadas sobre violencia de xénero, que abordarán as súas consecuencias na infancia e na adolescencia

Martes, 17 de abril de 2012

[17-04-2012] O alcalde de Ames, Santiago Amor, a secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella, e a concelleira de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude, María González, foron os encargados de inaugurar as II Xornadas sobre violencia de xénero, que abordarán as súas consecuencias na infancia e na adolescencia. O acto de inauguración desenvolveuse este martes, ás 18:00 horas, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. Tras a presentación das xornadas interviu Belén Liste Lázara, subdirectora xeral para o tratamento da violencia de xénero, para ofrecer a primeira charla destas xornadas. Esta acción formativa, que está dirixida a profesionais do sector, ten unha duración de 40 horas, 22 a distancia utilizando un manual de formación específico e 18 presenciais. A parte presencial realizarase en cinco xornadas, que se desenvolverán entre o 17 e o 26 de abril, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns.


Programa das xornadas

Na xornada do mércores 18 de abril desenvolvérase a segunda sesión coa intervención, a partir das 17:00 horas, de Yolanda Román González, licenciada en dereito, experta en dereitos humanos e política exterior e responsable de incidencia política e campañas de Save The Children. Yolanda Román impartirá a charla “Na violencia de xénero non hai unha soa vítima: nenos e nenas vítimas da violencia de xénero. Consecuencias e retos”. A partir das 19:00 horas intervirán Yolanda Villaverde Gondar, traballadora social e directora do Centro de Información da Muller do Concello da Guarda, e Esteban Figueirido Woodford, psicólogo infantil do Centro de Información a Muller do Concello da Guarda. Ambos os dous impartirán unha charla sobre a intervención psicosocial con menores en situacións de conflito familiar.

A terceira xornada desenvolverase o xoves 19 de abril. Nesta xornada intervirá Beatriz Atenciano Jiménez, psicóloga infantil do servizo Mercedes Reyna pertencente á Rede Contra a Violencia de Xénero do Concello de Madrid. Beatriz Atenciano impartirá unha charla sobre os menores que están expostos a malos tratos na parella: realidade, desafíos e oportunidades.

O mércores, 25 de abril, terá lugar a cuarta xornada a cargo do persoal do Centro de Emerxencias Autonómico para vítimas de Violencia de Xénero (CEMVI), que explicarán a intervención social e psicoeducativa cos e coas menores do Centro de Emerxencia para mulleres vítimas de violencia de xénero. Este mesmo día tamén intervirá o persoal do equipo psicosocial do IMELGA de Santiago de Compostela. Neste caso ofrecerá unha charla sobre a actuación que realizan cos fillos e fillas de parellas en procedementos xudiciais por violencia de xénero.

Charla de Javier Urra aberta ao público

A clausura das xornadas sobre violencia de xénero será o 26 de abril ás 17:00 horas cunha conferencia aberta ao público xeral do prestixioso especialista Javier Urra, referencia a nivel estatal no ámbito da violencia de xénero e da atención ao menor. Javier Urra Portillo, recoñecido escritor e contertulio habitual en diferentes medios de comunicación de ámbito nacional, é doutor en psicoloxía e en enfermería, pedagogo terapeuta, psicólogo da fiscalía do tribunal Superior de Xustiza de Madrid, profesor da Universidade Complutense de Madrid e primeiro defensor do menor da Comunidade de Madrid. A conferencia de Javier Urra levará por título: “A Educación: única forma de erradicar a violencia de xénero”.


O Concello de Ames segue traballando para fomentar a igualdade de xénero entre homes e mulleres. Un dos programas que está desenvolvendo neste eido son as II Xornadas sobre violencia de xénero, que foron inauguradas hoxe pola tarde no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. O alcalde de Ames, Santiago Amor, manifestou que “as segundas Xornadas sobre a violencia de xénero do Concello de Ames centran a súa atención este ano nas consecuencias desta problemática na infancia e na adolescencia. Con esta iniciativa, queremos motivar unha profunda reflexión sobre os retos na atención aos menores como vítimas da violencia de xénero, conscientes de que eles son, en moitas ocasións, a parte máis débil e indefensa da unidade familiar en situacións de conflito”.

Santiago Amor incidiu en que “para actuar contra a violencia de xénero temos que saber sumar con eficacia a achega de todos. Hai que continuar incidindo na importancia da concienciación cidadá para acabar con este problema, xa que é a propia sociedade a que xoga un papel fundamental para detectar as alertas e dar ese primeiro paso decisivo. Do mesmo xeito, vós como profesionais e encargados de loitar contra esta praga en primeira liña sodes os mellor capacitados para orientar o camiño a seguir por todos os implicados”.

O alcalde aproveitou este acto para achegar algúns datos referidos ao Concello de Ames en materia de violencia de xénero. Un total de 13 mulleres son usuarias actualmente do servizo de teleasistencia móbil para mulleres vítimas da violencia de xénero. Nos últimos catro anos, 37 mulleres tramitaron e foron usuarias en Ames deste terminal. Ademais, 58 mulleres vítimas de violencia de xénero teñen en Ames orden de protección en vigor. Os servizos municipais de atención á muller teñen abertos neste momento 100 expedientes relacionados con casos de violencia de xénero.

Por outra banda, a concelleira de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude, María González, incidiu en que estas xornadas “nacen co obxectivo de darlle continuidade ás primeiras Xornadas, que tiveron moi boa acollida tanto no ámbito comunitario como no profesional. A través destas xornadas preténdese promover a adopción de valores de respecto e igualdade no ámbito comunitario, que rachen cos estereotipos sexistas e incidan no rexeitamento social de calquera forma de violencia de xénero”.

Tras a presentación das xornadas interviu Belén Liste Lázara, subdirectora xeral para o tratamento da violencia de xénero, para ofrecer a primeira charla destas xornadas. Durante esta primeira sesión os asistentes tamén foron informados da metodoloxía que deberán seguir para completar esta acción formativa e recibir o diploma acreditativo. Ademais da asistencia ás sesións presenciais, os interesados deberán completar a parte a distancia mediante a realización dunha serie de exercicios que posteriormente enviarán aos titores/as do curso.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Debaten en Ames los efectos de la violencia de género en los niños"