Pestanas principais

Comezan os traballos que permitirán reducir os efectos da subida do nivel da auga do Rego dos Pasos na localidade de Bertamiráns

Mércores, 15 de maio de 2013

[15-05-2013] Esta semana comezaron as obras na zona do Regos dos Pasos, que está próxima á Travesía do Lodeiro e á Avenida da Maía. Estes traballos permitirán reducir nesta zona puntual os efectos das subidas do nivel das augas no Rego dos Pasos, situado na localidade de Bertamiráns. Neste proxecto, que está sendo executado pola empresa Martínez Montes e Hijos, investiranse preto de 21.500 euros. Esta obra foi adxudicada en Xunta de Goberno Local a comezos do mes de marzo.

Nesta zona, estase actuando sobre unha superficie total de 200 metros cadrados co obxectivo de minimizar os efectos que poden causar no contorno, e especialmente nas vivendas próximas, as subidas de nivel do caudal do Rego dos Pasos. Con estas obras dáse resposta a unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia do ano 2008, no que se condenaba ao Concello a adoptar as medidas correctoras necesarias para evitar o desbordamento deste río, que en anos anteriores ocasionara anegamentos nos baixos dos edificios próximos.

As obras consisten na substitución do pavimento de pedra existente na actualidade e na colocación dun muro que impida o paso da auga. O obxectivo é colocar un muro de maior altura, que permita que a auga quede contida e non desborde. Ademais, o proxecto inclúe a continuación da beirarrúa existente e o cambio do acceso actual á zona para situalo nun nivel superior, creando para isto unha rampla de acceso. Tamén se contempla a construción de dous tipos de muros: un que serve de varanda e de peche da zona de actuación e outro a modo de banco.

Os traballos que se están levando a cabo no Rego dos Pasos están incluídos no convenio asinado polo Concello de Ames coa Deputación da Coruña, que permite a posta en marcha de diferentes obras que teñen que ver coa mellora de estradas, canalización de pluviais e seguridade viaria en varios puntos do Concello.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Comezan os traballos que permitirán reducir os efectos da subida do nivel da auga do Rego dos Pasos"
La Voz de Galicia: "Comienzan en Ames las obras para reducir los efectos de las crecidas del Sar"