[14-05-2011] O Concello de Ames, consciente da necesidade de mellorar a seguridade viaria na ponte da Condomiña, propúxolle a Deputación da Coruña que ampliase o paso peonil desta ponte. As obra consisten na construción dun novo paso peonil na marxe esquerda da vía. Este proxecto está incluído no Plan de travesías provinciais 2008-2011 da Deputación Provincial da Coruña, que pretende mellorar as infraestruturas da provincia e contribuír a unha mellora da seguridade viaria. Este proxecto, que ten un custe de 135.435 euros, está sendo executado pola empresa Construcciones Leonardo Miguélez SL. Os traballos xa comezaron hai unhas semanas en taller onde se estivo fabricando a estrutura metálica, que se colocará na marxe esquerda desta vía para ampliar o paso peonil. Os operarios xa estiveron esta semana no lugar da obra facendo os cortes de encaixe, que son necesarios para posteriormente poder colocar a estrutura metálica.
Os veciños e veciñas de Ames poderán pasar andando por encima da ponte da Condomiña sen preocuparse do transito rodado. O goberno municipal chegou a un acordo coa Deputación da Coruña para mellorar a seguridade viaria na estrada provincial 0205, que vai dende Bertamiráns ata A Ramallosa, ao seu paso pola ponte da Condomiña. A situación desta estrada non reúne os requisitos de seguridade necesarios para os peóns. As actuacións previstas no proxecto consisten na construción dunha beirarrúa máis ampla que permitirá dotar á zona de mellores condicións de seguridade viaria. O citado paso peonil terá unha anchura de 1.80 metros, dos cales un metro vai sobre a estrutura actual da ponte. Ademais, melloraranse o pavimento da estrada ao seu paso pola ponte.
Os operarios da empresa adxudicataria das obras estiveron facendo durante esta semana os cortes de encaixe que son necesarios para posteriormente poder colocar a estrutura metálica. A maior parte dos traballos de obra realizáronse en taller para fabricar a estrutura metálica que se colocará na devandita ponte. Estes traballos xa están feitos. A continuación (feitos os cortes destinados a aloxar a estrutura metálica que estiveron fabricando en taller) instalarase a devandita estrutura.
Primeiro instalouse un valado metálico na marxe esquerda da ponte para desmontar a varanda co obxectivo de soldala á estrutura da pasarela. Ata o de agora os traballos realizáronse en taller coa construción da estrutura metálica que se instalará na ponte. O día 10 de maio pasouse o correspondente parte de control de calidade da soldadura. Tras estes traballos de taller estanse realizando os cortes necesarios para colocar a estrutura metálica e haberá que colocar os tirantes entre os muros.
O alcalde de Ames, Carlos Fernández, valorou de xeito moi positivo a execución desta obra "xa que se trata dun punto crítico para a circulación peonil". Esta obra foi aprobada por unanimidade pola corporación amiense, o pasado 10 de novembro de 2009, e será sufragada a través do Plan de travesías provinciais 2008-2011 posto en marcha pola Deputación Provincial da Coruña, para mellorar as infraestruturas da provincia e contribuír a unha mellora da seguridade viaria. Anteriormente esta obra xa fora aprobada no pleno de setembro de 2009 celebrado na Deputación Provincial da Coruña.
Estrutura metálica con pavimento de madeira
Esta ampliación levarase a cabo mediante unha dobre estrutura composta por un conxunto de perfís metálicos perpendiculares ao taboleiro, traballando en voladizo, e outros dispostos perpendicularmente aos primeiros, sobre os que se asenta o pavimento formado por madeira. Pola cara exterior rematarase coa colocación dun tipo de varanda como a que xa existe neste lugar. Pola cara interior executarase un pequeno muro que terá unha altura de 50 centímetros, que ademais de ter unha función estrutural, protexerá aos viandantes do tráfico rodado.
A Deputación Provincial da Coruña foi a encargada de redactar o proxecto técnico. Antes da redacción do proxecto varios técnicos da Deputación da Coruña achegáronse ata Ames para comprobar o estado no que se atopa esta estrada ao seu paso pola ponte da Condomiña. Así puideron ver de primeira man a necesidade de construír un paso máis amplo para os peóns.
O custe das obras aproxímase aos 135.435 euros. A súa execución suporá unha mellora substancial do tráfico rodado na intersección de catro estradas, e contribuirá a incrementar os niveis de seguridade viaria.




