Pestanas principais

Comezan os traballos de roza no petróglifo do Monte Castelo onde este sábado haberá unha ruta nocturna para coñecer esta área rupestre

Mércores, 13 de xullo de 2016

[13-07-2016] Esta mañá comezaron os traballos de limpeza e roza, para a posta en valor do petróglifo 2 do Monte Castelo, onde o próximo sábado, 16 de xullo, o colectivo A Rula, en colaboración co Concello de Ames, organiza unha ruta nocturna para visitar esta área rupestre. Ademais, durante este verán a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural realizará traballos de roza e control da retirada da vexetación no entorno do petróglifo da Peneda Negra. Estes petróglifos están incluídos dentro da área rupestre de Ventosa. Nesta zona atópanse tres conxuntos de petróglifos: o de Monte Castelo, Peneda Negra e Campo Redondo.

A primeira fase destes traballos céntrase na limpeza da parcela que dá acceso ao petróglifo do Monte Castelo e da contorna desta área rupestre. Deste xeito, estanse realizando labores de corta de vexetación e árbores da parcela na que se localiza a laxe, coa finalidade de evitar posibles afeccións sobre as pedras e os gravados, no caso dun lume forestal. Tamén se revisarán as rochas susceptibles de ser soporte de gravados localizadas na parcela e efectuarase a limpeza da rocha, así coma outras tarefas de rexistro e documentación.

O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, sinala que “o goberno municipal tiña o compromiso plenario de poñer en valor esta área rupestre. A posta en marcha desta primeira fase de traballos de limpeza e roza, que está executando a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, en colaboración coa do colectivo A Rula e mailo Concello de Ames, é unha clara mostra do cumprimento deste compromiso”. Ademais, limparase a ruta que une a estrada coa zona do monte na que se atopa o petróglifo do Monte Castelo. O goberno municipal estuda tamén conectar o petróglifo de Monte Castelo con outros dous que se atopan na parroquia de Ventosa, o de Pena Negra e o de Campo Redondo, empregando e ampliando este camiño.

Os traballos continuarán, nunha segunda fase, polo entorno do petróglifo da Peneda Negra, onde tamén se realizará a limpeza da vexetación e corta de árbores do entorno da rocha, especialmente afectada polo eucalipto. A Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, realiza unha achega de 5.000 euros para realizar estes traballos. Cómpre lembrar que o Concello de Ames chegou a un acordo coas persoas propietarias das fincas, que accederon a que se levasen a cabo estes traballos de acondicionamento de accesos, sinalización e limpeza do monte cos correspondentes permisos.

Estes traballos permitirán levar a cabo unha proposta de actuación para a futura conservación e visionado dos gravados, cuestión fundamental por mor da dificultade de acceso e visibilidade dos mesmos, así coma unha proposta de criterios básicos en materia de seguridade de cara á previsión de riscos nas visitas ao singular rochedo. Os traballos serán realizados pola empresa BIC Materiales y Conservación, contando coa dirección do arqueólogo Mario César Vila e a restauradora Marta Díaz Fernández. Hai que lembrar que a finais do pasado mes de maio varios técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio, o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, unha técnico do departamento municipal de Medio Ambiente e tres membros do Colectivo A Rula achegáronse ata este lugar para inspeccionar a devandita área rupestre.

Ruta nocturna por Monte Castelo
O colectivo A Rula colabora este sábado, 16 de xullo, co Concello de Ames na organización dunha ruta nocturna para visitar o petróglifo do Monte Castelo. A excursión comezará cunha explicación por parte de membros deste colectivo no local social de Augapesada sobre estes e outros petróglifos do concello. A continuación o grupo desprazarase ata o petróglifo do Monte Castelo, que volveu a ser descuberto fai un ano. Para anotarse nesta andaina hai que enviar un correo electrónico ao enderezo colectivoarula@gmail.com.

Para ver este petróglifo empregarase unha iluminación especial que será instalada no lugar onde se atopa esta área ruprestre. Luís Lecrele, membro do colectivo A Rula, explica que “a noite é o mellor momento para descubrir e estudar os gravados nas pedras. É o único momento no que podes ver un panel completo, o xogo de sombras é espectacular”. Sábeno ben os membros da Rula, con moitos percorridos nocturnos feitos en concellos como os veciños Teo (no que levan tres anos ofrecendo rutas nocturnas) ou Santiago de Compostela.

Esta é a primeira ruta que se organiza en Ames. Ofértanse un total de 60 prazas para esta visita que é gratuíta. As persoas interesadas tan só teñen que inscribirse e acudir á cita con roupa e calzado cómodo. Actividades como esta, engade Luís Lecrele, “teñen moito éxito entre as persoas que se apuntan”. Afirma que na última ruta que organizaron a xente “non quería marchar”. Para animar ás persoas a anotarse na ruta o colectivo publicou recentemente un vídeo en YouTube que inclúe fotografías dos gravados do Monte Castelo.

Foi o propio colectivo quen “redescubriu” a laxe na que se conservan os petróglifos do Monte Castelo. Levaban os seus membros tempo detrás destes gravados, cuxa existencia rexistraron nos seus cadernos nomes ben coñecidos da arqueoloxía en Galicia, como Enrique Campo ou Ramón Sobrino Lorenzo Ruza. Mais o nome do seu descubridor é amesán: foi Óscar Lojo Batalla, veciño e alcalde de Ames durante a II República, quen os levou ata o lugar onde se atopaba.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Arrancaron os traballos de limpeza do petróglifo do Monte Castelo"