Pestanas principais

Comezan os talleres de competencias emocionais e sociais destinados ás mulleres amesás co obradoiro de “Técnicas de Relaxación: respiración e ioga”

Xoves, 06 de setembro de 2018

[06-09-2018] Este xoves, 6 de setembro, inícianse as tardes temáticas postas en marcha polo Centro de Información da Muller (CIM) co obradoiro “Técnicas de Relaxación: respiración e ioga”, que se realizará na Casa da Cultura de Bertamiráns, en horario de 17.00 a 19.00 horas. Esta iniciativa encádrase dentro dun programa organizado pola Concellería de Servizos Sociais e Igualdade de Ames que, ao longo de setembro, tenta ofrecer ás mulleres amesás ferramentas para o seu empoderamento e para a prevención e o tratamento integral das violencias machistas, a través da intervención terapéutica e de diferentes accións psicoeducativas. Na a actualidade hai 18 persoas inscritas neste primeiro obradoiro, As mulleres que queiran participar aínda poden inscribirse.

Ao longo deste mes de setembro, todos os xoves terán lugar na Casa da Cultura de Bertamiráns, entre as 17.00 e as 19.00 horas, unha serie de obradoiros dirixidos a todas as mulleres de Ames que queiran participar, nos que se traballarán competencias emocionais e sociais para o benestar. Así, este xoves, 6 de setembro, desenvolverase o obradoiro “Técnicas de Relaxación: respiración e ioga”, que será impartido por Emma Blanco García, psicóloga experta en Intelixencia Emocional e Pensamento Positivo.

Neste obradoiro ensinaráselle ás persoas asistentes diferentes técnicas de respiración/relaxación para axudarlles a xestionar situacións de estrés e ansiedade. Así, tratarase de fortalecer as súas capacidades para que saiban xestionar e autocontrolar as súas propias emocións. O fin último deste taller é conseguir que as persoas asistentes poidan mellorar a súa calidade de vida e a súa saúde.

O obradoiro comezará coa poñente explicándolle aos asistentes en que vai a consistir dito taller. Primeiro ensinaráselle a base da respiración, para de seguido, pasar a ver diferentes técnicas de respiración. En terceiro lugar, faranse diferentes dinámicas de grupo para entender e comentar como está conectado o pensamento coas accións que realiza o noso corpo.. Deste xeito, levarase a cabo unha dinámica de autocoñecemento para incrementar o autocoñecemento emocional.

O seguinte obradoiro deste bloque terá lugar o próximo xoves, día 13, que tratará sobre “A sexualidade: claves para mellorar a comunicación en parella”, mentres que o do día 20 terá como clave o benestar e a nutrición, e como sentirse mellor a través da alimentación. Este grupo de sesións rematará o día 27 co obradoiro “Benestar en movemento”.

Un programa dirixido á prevención e tratamento integral da violencia de xénero
O CIM de Ames está a desenvolver un programa con diferentes actuacións para as mulleres que sofren violencia ou que están en risco de sufrila, facendo fincapé tamén na prevención da mesma. Así, estas actividades están divididas en tres bloques: grupos de traballo, mañás temáticas e tardes temáticas; e buscan dar asesoramento as mulleres que sofren violencia ou que están en risco de sufrila, co obxectivo de ofrecer ferramentas que favorezan cambios nas vidas persoais e familiares imprescindibles para asegurar a recuperación integral da muller e poder, así, comezar un novo proxecto vital.

Así, nos grupos de traballo desenvolverase a intervención de carácter terapéutico destinada a este colectivo. Ao longo de 10 sesións traballaranse as competencias emocionais e sociais , partindo dunha análise de necesidades que se fai o comezo de cada grupo. Búscase así a creación dun espazo de confort e confianza no que abordar transversal e explicitamente as súas competencias emocionais e sociais.

Obradoiros de desenvolvemento persoal
No tocante ás mañás temáticas, estas terán lugar dous días á semana e están dirixidas ás mulleres do grupo de traballo e intervención terapéutica e tamén a mulleres do concello de Ames que, pola súa situación ou risco de vulnerabilidade, requiran deste tipo de intervencións. Nas mañás temáticas traballarase mediante obradoiros de competencias relativas ao desenvolvemento persoal , ao benestar integral e á promoción da saúde das mulleres participantes. O obxectivo é reducir a marca e severidade dos danos causados na saúde, tanto física como emocional, causados pola violencia contra as mulleres, poñendo especial énfase en aquelas que se atopan en situación de maior risco ou vulnerabilidade.

Todas aquelas interesadas en participar nestas actividades aínda están a tempo de inscribirse, de forma gratuíta, nos teléfonos 981 53 59 41 ou 981 89 09 64, onde tamén poderán obter máis información.

Contido relacionado


Compostela 24 Horas: "Talleres de competencias emocionais e sociais destinados ás mulleres amesás"