[04-03-2011] Este mércores comezaron os cursos organizados polo Servizo de Normalización Lingüística e polo Servizo de Atención ao Migrante (SAMI) do Concello de Ames cos que se pretende achegar a todas aquelas persoas que o desexen á lingua e á cultura propia deste país, facilitando, deste xeito, o proceso de integración e socialización aos novos e novas amesáns. As aulas destes obradoiros son unha mostra da diversidade e da riqueza cultural que agocha este concello, pois as persoas participantes proceden de preto de trinta países diferentes e representan un potencial cultural que ten a nosa lingua como nexo de unión. A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Isabel González, e o mediador intercultural do Servizo de Atención ao Migrante, Leonardo Pena, acudiron a inauguración do obradoiro.
Alxeria, Italia, Francia, Arxentina, Alemaña, Venezuela, Cuba, Cataluña, Euskadi, Ucraína, Bielorrusia, Chile, Colombia, Brasil, Portugal, Suíza,....Por se a alguén lle que quedaban dúbidas da mestura de culturas que se agochan no Concello de Ames, estes son algúns dos países de procedencia dos 70 amesáns e amesás que están participando nos obradoiros de lingua e cultura, Falo eu Falas ti, Falamos todos que comezaron onte en Bertamiráns e o Milladoiro, organizados polo Servizo de Normalización Lingüística e polo Servizo de Atención ao Migrante de Ames.
A lingua é un instrumento fundamental para integrarse nunha sociedade e o seu coñecemento é imprescindible para desenvolver con normalidade a vida cotiá. Por este motivo o Concello de Ames pon en marcha a sétima edición dos obradoiros de lingua e cultura, Falo eu, Falas ti, Falamos todos. Aínda que están abertos a calquera persoa interesada, as destinatarias preferentes son as persoas residentes en Ames pero procedentes de fóra de Galicia. Estes obradoiros serven tamén como paso previo á realización dos cursos oficiais preparatorios para a obtención dos certificados oficiais de lingua galega (CELGA).
Os obradoiros comezaron este mércores e desenvolveranse os luns, mércores e xoves ata primeiros do mes de abril. Neles os e as participantes adquirirán nocións básicas para desenvolvérense en lingua galega e achegaranse dun xeito totalmente práctico á nosa cultura. Haberá sesións dedicadas ao cine, á literatura, á música, á historia... mesmo se reserva unha sesión para asistir á función de teatro Sempre quixen bailar un tango de Teatro Galileo. Non hai mellor maneira de integrarse nunha cultura que coñecéndoa e achegándose a ela respectando sempre a propia, esta é a filosofía da actividade. Segundo se tira da primeira sesión celebrada esta semana, todo o alumnado ten moitas ganas de aprender e tamén moitas ganas de compartir.
O obradoiro terá unha duración de 32 horas, repartidas en 16 sesións de 2 horas cada unha. Estas sesión impartiranse ao longo dun mes, dende o 2 de marzo ata o 4 de abril. As clases levaranse a cabo os luns, mércores e xoves, en horario de 20:00 h. ás 22:00 horas, no IES de Ames, situado en Bertamiráns, e no local social do Club de Xubilados e Pensionista do Milladoiro, situado na rúa Figueiras. Para obter o diploma acreditativo de asistencia só se poderá faltar ao 10% das sesións.
Coma en edicións anteriores a actividade clausurarase cunha festa multicultural na que protagonismo será para todas as culturas diferentes da nosa que están presentes nos obradoiros.




