Pestanas principais

Comezan os cursos de formación sectorial do programa Ames Emprega e Integra

Luns, 10 de xullo de 2023

O pasado luns, 3 de xullo, comezaron os cursos de formación sectorial que están incluídos no programa Ames Emprega e Integra. Na actualidade estase impartindo un curso básico de prevención de riscos laborais de 60 horas e un curso de servizo en restaurantes e bares (85 horas e 35/50 horas de prácticas non laborais). Ademais, do 14 ao 27 de xullo impartirase o curso de auxiliar de cociña (50 horas e 50 horas de prácticas non laborais) e mailo curso de manipulador/a de alimentos. Ditos cursos impártense nas instalacións de ForGa, que están situadas no parque empresarial Novo Milladoiro. Para inscribirse nestes cursos hai que cubrir este formulario. Ames Emprega e Integra é un programa de inserción laboral para colectivos desfavorecidos do concello de Ames, que está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Ao longo de cinco meses impartiranse un total de 13 cursos, pensados para incrementar o índice de inserción laboral e social no municipio.

O Concello de Ames está inmerso no desenvolvemento das actuacións recollidas na EDUSI Impulsa Ames. Un dos proxectos que se está executando é o programa Ames Emprega e Integra, que está dirixido a colectivos desfavorecidos do concello de Ames. Un dos ámbitos prioritarios de intervención do Concello de Ames é poñer en marcha actuacións en materia de prevención, detección e intervención da exclusión social.

Neste senso, o Concello de Ames puxo en marcha un programa de inserción laboral que responde ás actuais demandas sociais de dar cobertura a unha oferta formativa que incremente o índice de inserción laboral e social no municipio, como requisito imprescindible para poder fixar poboación no mesmo, axustándose aos intereses e necesidades dos colectivos ao que se dirixe e fomentando a cohesión social, a loita efectiva contra a discriminación e a erradicación da pobreza.

Formación ocupacional
O pasado luns, 3 de xullo, comezaron os cursos de formación sectorial que están incluídos no programa Ames Emprega e Integra. Na actualidade estase impartindo un curso básico de prevención de riscos laborais, que consta de 60 horas. Impártese ata o 18 de xullo, de luns a venres, en horario de 9:00 a 14:00 horas. Tamén se está impartindo o curso der servizo en restaurantes e bares ata o 13 de xullo, de luns e venres, de 9:00 a 14:30 horas. Este curso consta de 85 horas e 35/50 horas de prácticas non laborais. Ditos cursos impártense nas instalacións de ForGa, que están situadas no parque empresarial Novo Milladoiro.

Ademais, do 14 ao 27 de xullo, en horario de 9.00 a 14.30 horas, impartirase o curso de auxiliar de cociña (50 horas e 50 horas de prácticas non laborais) e mailo curso de manipulador/a de alimentos os días 28 e 31 de xullo, de 9.00 a 14.00 horas. Para inscribirse nestes cursos hai que cubrir este formulario.

Deste xeito, ata o vindeiro mes de novembro impartiranse un total de 13 cursos, que están pensados para incrementar o índice de inserción laboral e social no municipio. Outros cursos que se van impartir son de limpeza; camareiro/a de pisos; recepción e atención ao cliente en aloxamentos; dependente de comercio; almacén; comercial; empregado/a doméstico/a; fotovoltaica e térmica.

Por outra banda, este venres 14 de xullo, en horario de 9.00 a 14.00 horas, impartirase a xornada de emprendemento “O futuro pasa por emprender”, que se celebrará no Espazo colaborativo A Proa, no Milladoiro. O obxectivo desta xornada é incentivar a iniciativa emprendedora de cara á xeración de novas oportunidades de negocio e como unha alternativa viable á inserción laboral. Desde o Concello de Ames, anímase a todas aquelas persoas interesadas a inscribirse cubrindo este formulario.

Cal é o obxectivo do programa?
O obxectivo de dita iniciativa é a inserción laboral das persoas participantes ou a mellora da sua empregabilidade. Lévase a cabo mediante a execución dun programa de inserción laboral derivado dun estudio realizado previamente que determinou os colectivos desfavorecidos e as súas demandas específicas de formación, acompañamento e practica laboral.

O programa está dirixido prioritariamente a persoas mozas (menores de 30 anos), con particular atención a aqueles con déficit de formación, mulleres, parados de longa duración, maiores de 45 anos, persoas con responsabilidades familiares non compartidas, persoas con discapacidade, persoas en situación de exclusión social e persoas inmigrantes. Para participar é necesario residir no concello de Ames, ser demandante de emprego e estar nunha situación de busca activa de emprego.

O programa ten como ámbito territorial a totalidade do concello de Ames, priorizando os núcleos poboacionais do Milladoiro e de Bertamiráns como eixos presenciais do programa. As actividades do programa comezaron coa captación de participantes ao longo do mes de maio e desenvolverase ata novembro deste ano.

Procedemento para inscribirse
As inscricións pódense realizar chamando ao número de teléfono 674 594 843, enviando un correo electrónico ao enderezo ames.integra.emprega@gmail.com ou a través da páxina web de Ames Integra e Emprega.

A estratexia proposta co programa de inserción laboral de colectivos desfavorecidos no concello de Ames pon o foco de atención na necesidade de dotar ás persoas, especialmente poboación feminina e inmigrante, mocidade sen cualificación, e parados de longa duración en situación de desemprego, en procura de primeiro emprego ou en procesos de mellora de emprego, das competencias transversais/horizontais e competencias profesionais necesarias para poder consolidarse no mercado laboral, atendendo ás competencias en materia de tecnoloxías da información e comunicación.

Esta actuación está cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) cunha taxa de cofinanciamento do 80% dentro do Programa Operativo FEDER de Crecemento Sostible 2014/2020, enmarcado dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Impulsa Ames, de conformidade coa Resolución do 21 de xullo de 2017, da Secretaria de Estado de Orzamentos e Gastos, pola que se resolve a concesión definitiva de axudas da segunda convocatoria para a selección de estratexias de desenvolvemento urbano sostible e integrado.

Cartaz do programa Ames Emprega e Integra

Multimedia

  • Cartaz do curso de auxiliar de cociña
  • Cartaz do curso de manipulador de alimentos