[25-06-2013] Este martes, 25 de xuño, comezaron os programas lúdicos de verán e os campamentos municipais. O Concello de Ames organiza por décimo ano consecutivo o programa de conciliación laboral e familiar, Xuño lúdico. Neste servizo, que se desenvolverá durante os días 25, 26, 27 e 28 de xuño, participan un total de 189 nenos e nenas repartidos entre as instalacións de Bertamiráns e do Milladoiro. Por outra banda, hoxe marcharon de campamento 58 nenos/as. Un grupo de 33 rapaces e rapazas de 5º e 6º de Primaria van de campamento a Allariz, mentres que outro grupo de 25 nenos/as de 1º e 2º de infantil pasarán dous días na granxa escola Fervenzas do Toxa (Silleda).
Campamento municipais
Este martes, 25 de xuño, tamén comezaron os campamentos municipais de verán. O primeiro grupo en partir de campamento foi o formado por 33 rapaces e rapazas de 5º e 6º de Primaria que pasarán seis días no Albergue Fundación González Ferreiro de Allariz. Neste campamentos os rapaces e rapazas participarán en actividade artísticas, de animación á lectura, xogos populares, deportes de aventura, obradoiros, etc. Tamén terán tempo para gozar na piscina e participar en xogos ao aire libre, concursos e marchas nocturnas.
Pouco despois, ás 11:00 horas, emprendeu camiño rumbo a Silleda un grupo de 25 nenos/as de 1º e 2º de educación infantil que pasarán dos días na granxa escola Fervenzas do Toxa. Neste caso os nenos e nenas estarán en contacto cos animais e coa horta ecolóxica da granxa. Ademais, participarán en diferentes obradoiros de manualidades e actividades de repostería. Ao igual que no caso anterior tamén disporán de tempo para refrescarse na piscina.
Obradoiros e xogos ao aire libre
Durante estes catro días, os cativos poderán gozar con obradoiros e xogos ao aire libre para romper coa dinámica de traballo que mantiveron durante os últimos días de curso. A temática elixida no Milladoiro é “Unidos”. Os nenos e nenas realizarán actividades de cooperación para traballar en grupo. Deste xeito, comezaron elaborando unha escultura de xeito manual. Ademais, crearán diferentes instrumentos para montar unha orquestra. O último día do programa representarán unha canción. Tamén haberá tempo para participar en xogos de auga e de pistas.
Por outra banda, en Bertamiráns a temática das actividades xira arredor “dos exploradores”. Ao longo desta semana os rapaces e rapazas, dependendo da idade, van a participar en varios obradoiros para elaborar un volcán, un muíño de vento e un arco da vella. Tamén participarán en xogos ao aire libre e o último día do programa celebrarase a festa da auga.
O verán é unha época para pasalo ben, sobre todo para os nenos e nenas, que teñen tres meses enteiros libres. Para axudar a conciliar o traballo co coidado dos fillos e fillas, o Concello de Ames puxo en marcha un ano máis o Xuño lúdico, unha iniciativa na que se lles ofrecen actividades lúdicas e educativas a un total de 189 rapaces e rapazas mentres os seus pais e nais traballan.
Este programa está dirixido aos nenos e nenas que este ano cursaron estudos de educación infantil ou educación primaria. Con este servizo preténdese ofrecer unha alternativa que, ademais de ocupar o tempo de lecer dun xeito divertido e educativo na época de vacacións escolares, permita ás nais e pais conciliar a vida laboral e familiar. Estas actividades desenvólvense durante os días 25, 26, 27 e 28 de xuño, dende as 07:30 h. ata as 16:00 horas.
O Xuño lúdico enmárcase dentro dos programas de conciliación da vida laboral e familiar que pon en marcha o Concello de Ames ao longo de todo o ano. Os programas desenvolveranse en Bertamiráns e no Milladoiro nos locais habilitados polo Concello. En Bertamiráns, as actividades serán para todos os rapaces e durante todos os horarios no CEIP A Maía, mentres que no Milladoiro lévanse a cabo na Escola de Educación Infantil do Milladoiro, na Casa da Cultura e no pavillón polideportivo desta localidade. En Bertamiráns participan 71 nenos e nenas e no Milladoiro acoden a este servizo un total de 118 rapaces e rapazas.




