Pestanas principais

Comezan as obras que permitirán mellorar a seguridade peonil entre Milladoiro e Ventín

Venres, 15 de febreiro de 2013

[15-02-2013] Os traballos para mellorar a seguridade peonil entre Milladoiro e Ventín xa comezaron. O concelleiro de Vías e Obras do Concello de Ames, Alfredo Taboada, achegouse ata a zona para comprobar o inicio das obras, acompañado dunha técnico municipal e do responsable da empresa encargada de acometer os traballos, Xabre Obra Civil. En total, investiranse 54.035 euros en mellorar a seguridade dos peóns que transitan por esta estrada que discorre entre Milladoiro e Ventín. O edil destacou que, con estas obras, “conséguese que a circulación dos peóns por esta vía tan transitada se poida realizar nunhas condicións máis seguras”.

Esta é a primeira parte duns traballos que mellorarán a seguridade dos cidadáns que circulan por esta zona; as outras dúas partes comprenden o tramo da estrada entre Ventín e Biduído e a de Biduído de Arriba. Estas obras están incluídas nun convenio asinado coa Deputación da Coruña, que permitirá a posta en marcha de diferentes obras que teñen que ver coa mellora de estradas, canalización de pluviais e seguridade viaria en varios puntos do Concello.

Na zona na que se están levando a cabo os traballos existe unha vía asfaltada, prevista para a circulación de vehículos en dobre sentido, cun ancho medio de 4,30 metros e limitada por cunetas sen ningún tipo de acondicionamento para uso peonil. A vía soporta unha gran carga de tráfico, xa que comunica como estrada máis curta ós núcleos de Bertamiráns e Milladoiro.

As obras permitirán mellorar a seguridade dos peóns que circulen por esta zona. Os traballos a executar consisten na colocación na cuneta dun colector de pluviais e de saneamento en PVC, previa colocación dunha capa de area e, sobre esta canalización, executarase unha soleira de formigón realizada in situ cun ancho medio de 1 metro e un groso aproximado de 10 centímetros. Os accesos peonís levarán no seu percorrido arquetas-sumidoiros que irán conectadas á canalización de PVC, para permitir a evacuación das augas pluviais.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Comezan as obras que permitirán mellorar a seguridade peonil entre Milladoiro e Ventín"