Pestanas principais

Comezan as obras para mellorar a accesibilidade na Casa da Cultura de Bertamiráns

Xoves, 17 de febreiro de 2011

[17-02-2011] Despois de que se adxudicasen as primeiras obras recollidas no Plan de Accesibilidade esta semana comezaron a executarse estes traballos na Casa da Cultura de Bertamiráns. As primeiras obras estanse executando no interior do centro sociocultural co fin de adaptar os baños da planta baixa para que poidan ser empregados polas persoas con mobilidade reducida. Tamén se modificará a accesibilidade na atención ao público. Deste xeito modificarase o mostrador da entrada ou a barra da cafetaría que actualmente son demasiado altas. Modificarase tamén a sinalización na entrada do ascensor para incorporar a lectura en braille, e poranse barras rugosas nas escaleiras para evitar todos os riscos posibles. De xeito paralelo tamén se irán executando as obras de mellora de accesibilidade no exterior da Casa da Cultura e nas instalacións deportivas de Bertamiráns e do Milladoiro. Estes traballos aínda non comezaron.

Ames será un pouco máis accesible para todos os veciños e veciñas. Esta semana comezaron a executarse as primeiras obras que están incluídas no Plan de Accesibilidade. Así vaise adaptar o exterior e o interior da Casa da Cultura de Bertamiráns e as instalacións deportivas de Bertamiráns e do Milladoiro co obxectivo de que as persoas que teñen algún tipo de discapacidade se encontren cada vez con menos trabas e poidan levar a cabo a súa vida sen ningún tipo de atranco.

Ese é un dos obxectivo do goberno municipal en materia de accesibilidade e para iso está traballando co fin de favorecer a igualdade de oportunidades e a non discriminación de diminuídos físicos, sensoriais e psíquicos á hora de acceder aos bens e servizos do contorno amiense e no que se refire á eliminación de barreiras arquitectónicas.

Estes proxectos están incluído dentro do programa da Deputación provincial de A Coruña de eliminación de barreiras arquitectónicas. As obras serán sufragadas pola Administración provincial e ascenden a un importe de 159.654 euros. Os traballos realizaranse mantendo unha constante comunicación cos redactores do Plan de Accesibilidade de Ames, a empresa Fundosa Accesibilidad SA, que foi a encargada de redactar o plan integral de accesibilidade.

A Casa da Cultura vai modificar a súa accesibilidade exterior e interior. O proxecto amosa como punto clave a realización dunha nova praza de aparcamento para minusválidos que se unirá coa rampla. Tamén se farán máis accesibles as escaleiras. Acorde con iso, eliminarase o ángulo recto que forman as escaleiras principais para evitar riscos. Ademais, formularanse os remates e altura das mesmas para que poidan subir por elas, sen problema ningún, persoas con mobilidade reducida incorporando os materiais necesarios como varandas. A reformulación das escaleiras será completada, por exemplo, na porta que dá á cafetería e cambiarase o sentido de apertura para unha maior facilidade á hora de acceder desde fóra.

No interior da Casa da Cultura, haberá unha actuación integral nos aseos da planta baixa. Será preciso modificar os habitáculos contiguos para poder colocar baños para persoas con mobilidade reducida. Tamén se modificará a accesibilidade na atención ao público tal como no mostrador da entrada ou na barra da cafetaría que actualmente son demasiado altas. Modificarase tamén a sinalización na entrada do ascensor para incorporar a lectura en braille, e poranse barras rugosas nas escaleiras para evitar todos os riscos posibles. A obra proposta para a Casa da Cultura ten un custo de 97.940 euros.

Instalacións deportivas

As actuacións acordadas levaranse a cabo tanto no Milladoiro como en Bertamiráns. No Milladoiro, na piscina municipal instalarase unha cadeira deseñada para persoas con mobilidade reducida que lles permita acceder ao vaso da piscina. Ao mesmo tempo habilitarase un novo vestiario e un aseo adaptado ás necesidades deste grupo social.

En Bertamiráns, realizaranse as mesmas obras na piscina e melloraranse os accesos á mesma. Con respecto ao pavillón deportivo, construirase un aseo adaptado. As melloras chegarán tamén ao campo de fútbol municipal, no que se creará un espazo cuberto reservado para persoas con mobilidade reducida e construirase unha ampla rampla de acceso ao mesmo. O orzamento destas obras ascende a uns 61.714 euros.

A nova noutros medios dixitais:

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Obras en la Casa da Cultura de Bertamiráns para mejorar la accesibilidad"
La Voz de Galicia: "Obras en la Casa da Cultura de Bertamiráns para mejorar la accesibilidad"