[10-02-2015] O Concello de Ames iniciou recentemente os traballos para dotar dun novo aparcadoiro ao Centro de Educación Primaria de Ventín, na parroquia de Biduído. As obras estanse executando nunha parcela de 1.715 metros cadrados que ata fai pouco era empregada como estacionamento improvisado de vehículos. O goberno municipal, consciente da necesidade de acondicionar o terreo, incluíu este proxecto no Plan de Obras e Servizos da Deputación Provincial, cun presuposto de 24.612 euros.
O concelleiro de Obras, Alfredo Taboada, visitou a zona e destacou que “se trata dun proxecto moi demandado pola comunidade educativa de Ventín e grazas ás achegas do POS vaise poder executar”. Taboada engadiu que “farán uso deste aparcadoiro os pais e nais que recollen ao seus fillos, o profesorado e o persoal que traballa no comedor”. En total poderán estacionar preto de oitenta vehículos.
Os primeiros traballos consistiron no acondicionamento, nivelación e rasanteo da explanada. A continuación, vaise pavimentar con quince centímetros de grava e aplicarase tratamento asfáltico. Por último, contémplase a colocación de 115 metros de bordo de formigón, unha varanda metálica, sinalización vertical e a canalización de catro metros de taxea para favorecer unha correcta drenaxe. Está previsto que os labores finalicen a finais de febreiro.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Comienza la obra del aparcamiento de Ventín, de 80 plazas"




