Pestanas principais

Comezan as obras para a construción do IES do Milladoiro

Xoves, 07 de abril de 2011

[07-04-2011] Hoxe pola mañá comezaron as obras para a construción do IES do Milladoiro. As máquinas xa están na parcela onde se situará o novo centro de ensinanza secundaria e de bacharelato do Milladoiro. Os primeiros traballos que se están realizando son os de acondicionamento da parcela. Para iso as máquinas escavadoras xa están realizando o proceso de desmonte e achanzando o terreo. O novo IES construirase nunha parcela de 11.780 metros cadrados que está situada no EQ1 do sector S-16 (Galdrachán). Este proxecto será executado pola empresa Dragados que disporá dun prazo de 16 meses para levar a cabo esta obra, polo que o IES do Milladoiro podería estar rematado para entrar en funcionamento ao inicio do curso 2012-2013. Este centro de ensino contará con 16 unidades de ESO e 3 de Bacharelato. O novo centro foi adxudicado por un importe que supera os 5,3 millóns de euros.

Hoxe pola mañá comezaron as obras dun dos proxectos de maior envergadura que se ten previsto realizar en Ames durante os vindeiros meses. O IES do Milladoiro está un pouco máis preto de abrir as súas portas despois de que está mañá comezasen as obras para a construción deste centro de ensinanza secundaria e de bacharelato.

No pasado mes de febreiro remataron os trámites administrativos despois de que se adxudicase o proxecto e se asinase o correspondente contrato de obra. A Consellería de Educación e ordenación Universitaria adxudicoulle a obra de construción do instituto de ensinanza secundaria á empresa Dragados que foi a que presentou a mellor oferta entre as 51 empresas que se presentaron ao concurso. Esta obra foi adxudicada por un importe de máis de 5,3 millóns de euros, e ten un prazo de execución de 16 meses. O proxecto do novo instituto do Milladoiro foi redactado polo Estudo Cid e Santos.

O novo IES construirase no EQ1 do sector S-16 (Galdrachán), nunha parcela de 11.780 metros cadrados, cedida gratuitamente polo Concello de Ames. Contará 16 unidades de Ensinanza Secundaria Obrigatoria (ESO) e 3 de Bacharelato. O edificio terá unha superficie útil de cerca de cinco mil metros cadrados e no proxecto está incluída a construción dunha pista cuberta e outra ao aire libre, ademais dun ximnasio de preto de 500 cadrados. O proxecto prevé tamén un aula de tecnoloxía de 120 metros cadrados, unha biblioteca de tamaño similar, varias salas para laboratorios, así como un aula de grandes dimensións para as clases de debuxo. No proxecto resérvase tamén un espazo de máis de 270 metros para dependencias administrativas.

Deste xeito darase cobertura aos mozos e mozas da zona sur do concello que nestes momentos carecen dun instituto onde cursar os estudos de ensinanza secundaria e bacharelato. Na actualidade unha gran parte da mocidade amiense ten que acudir ao IES Eduardo Pondal, en Santiago de Compostela, por non dispor dun instituto na localidade do Milladoiro. Coa construción do novo centro de ensino Ames pasará a dispor de dous institutos, un en Bertamiráns e outro no Milladoiro, as dúas localidades con maior poboación do municipio.

Cronoloxía do proceso

A tramitación do proxecto do IES do Milladoiro comezou o 21 de novembro do 2005 cando o Concello de Ames asinou coa Consellería de Educación un protocolo de colaboración para a construción dun centro de educación secundaria no Milladoiro. Posteriormente, o 24 de abril do 2008, acordouse en Pleno iniciar o expediente para a cesión gratuíta da parcela EQ3 do Milladoiro á Consellería de Educación. Esa parcela está situada no sector urbanístico denominado S-16 (Galdrachán) e mide 4.699,39 metros cadrados.

O 2 de maio do 2008 remitiuse a certificación do acordo do Pleno á Consellería de Educación. Tamén se enviou a mesma certificación ao Boletín Oficial da Provincia (BOP) para a súa publicación. Seis días despois saíu publicada no BOP. Unha vez rematado este proceso, o 27 de maio do 2008, o Concello de Ames recibiu unha notificación da Consellería de Educación comunicándolle a necesidade de que a parcela debía dispoñer de polo menos 10.350 metros cadrados. O Concello entón ofreceulle á Consellería de Educación outra parcela no mesmo sector (S-16), concretamente a EQ1 de 11.780 metros cadrados, que polas súas dimensións resultaría adecuada para a construción do instituto.

O 10 de outubro do 2008 iníciase polo Pleno da corporación, un expediente para a cesión gratuíta da parcela EQ1 do sector S-16 (Galdrachán) de 11.780 metros cadrados para a construción de centro de ensino. A comezos de febreiro do 2009, a Xunta anunciou a licitación do servizo para a redacción do proxecto básico e de execución da obra de construción do IES no Milladoiro. Finalmente, o estudo Cid y Santos Arquitectos foi o encargado de redactar o proxecto adaptando o deseño do futuro instituto á parcela cedida polo Concello de Ames.

O 8 de xullo de 2010, o Consello da Xunta acordou, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, dependente da Consellería de Facenda, a cesión a título gratuíto á Comunidade Autónoma de Galicia da parcela EQ1 do sector S-16 Galdrachán. Posteriormente, o 8 de agosto, entrou no Rexistro do Concello de Ames o proxecto do IES do Milladoiro e o día seguinte, o 4 de agosto, o Conselleiro de Educación, Xesús Vázquez e o alcalde de Ames, Carlos Antonio Fernández Castro, asinaron o convenio de colaboración entre a Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria e o Concello de Ames para a construción do devandito centro educativo.

Concesión da licenza de obra en tres días

Despois de que o 4 de agosto a Xunta e o Concello asinaran o convenio para a construción do Instituto do Milladoiro, o alcalde de Ames, Carlos Fernández, convocou por vía extraordinaria e urxente, ao goberno local para conceder a licenza de obras nun tempo record xa que se fixo en tan só tres días. Este trámite foi posible grazas ao acordo previo que a Alcaldía tiña establecido cos traballadores de urbanismo para que, aínda que o proxecto chegara ao Concello en pleno período de vacacións, como así foi, os traballadores municipais fixeran todo o posible para que se puidera emitir o informe o máis rápido posible.

O coñecemento previo do proxecto, propiciado pola estreita colaboración que durante a redacción do mesmo mantiveron os técnicos municipais cos técnicos da empresa adxudicataria facilitou tamén que o informe puidera ser emitido en tan pouco tempo. Cómpre salientar tamén que o Concello non lle cobrou á Xunta o Imposto de Construción de obras, ICIO, nin as taxas de tramitación urbanística que ascendían a 100.384,39 euros.

Trala concesión da licencia, o 7 de setembro de 2010, a Xunta de Galicia iniciou o proceso de licitación do proxecto do IES do Milladoiro que rematou o pasado 23 de febreiro coa adxudicación definitiva deste proxecto á empresa Dragados. Anteriormente, o 26 de outubro de 2010, asinouse a escritura pública, a través da cal o Concello lle cedeu á parcela á Xunta de Galicia.

A nova noutros medios dixitais:

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Inician los desbroces en la finca del IES de O Milladoiro"
El Correo Gallego: "Inician los desbroces en la finca del IES de O Milladoiro"
Tierras de Santiago: "El IES de O Milladoiro, más cerca"
Tierras de Santiago: "El IES de O Milladoiro, más cerca"