[27-01-2015] O alcalde de Ames, Santiago Amor, e o concelleiro de Obras, Alfredo Taboada, achegáronse esta mañá ata O Milladoiro para comprobar o estado das obras que se están executando nas rúas Xaquín Lorenzo e do Xeixo. Estes traballos consisten na ampliación da beirarrúa dunha marxe de Xaquín Lorenzo e dunha conexión da rúa do Xeixo coa estrada DP 0206. Deste xeito, haberá un novo acceso a estas rúas dende a estrada provincial. Nestas actuacións, sufragadas a través do Plan de Obras e Servizos da Deputación Provincial, vanse investir arredor de 50.000 euros.
O alcalde de Ames, Santiago Amor, destacou que se trata dunhas obras “moi demandadas polos veciños e veciñas do Milladoiro e que repercutirán no seu beneficio. Os traballos que se están executando na rúa Xaquín Lorenzo permitirán ampliar a beirarrúa nunha das marxes da calzada que quedou sen urbanizar. Ademais, estase ampliando a rúa do Xeixo para conectala coa estrada provincial DP 0206. Isto permitirá dispor dun novo viario que dará acceso a esta zona do Milladoiro”.
Na rúa Xaquín Lorenzo construíranse 115 metros cadrados de beirarrúa con bordo de formigón vibrado sobre unha base de quince centímetros de zahorra e dez de formigón. Antes de levantar a beirarrúa haberá que canalizar a tubaxe para saneamento, recollida de augas pluviais e paso de auga potable. Ademais, instalaranse as correspondentes redes de electricidade, iluminación, telefonía e comunicación.
Por outro lado, estanse executando obras na calzada que dá continuidade á rúa do Xeixo ata a estrada DP 0206. Estes traballos estanse desenvolvendo nun tramo de 118 metros de lonxitude e 8 de ancho. Aplicaranse dez centímetros de zahorra, doce de grava e o tratamento de asfalto posteriormente. Ao remate vaise realizar unha canalización de oito metros de taxea de formigón de 40 centímetros de diámetro para a drenaxe e a colocación da sinalización vertical coa colocación dunha sinal de Stop.