Pestanas principais

Comezan as obras de renovación do terreo de xogo do campo municipal de fútbol de Bertamiráns

Mércores, 17 de xuño de 2020

O alcalde de Ames, José Miñones, a concelleira de Deportes, Susana Señorís, técnicos municipais do Concello e técnicos da empresa adxudicataria, visitaron o campo municipal de fútbol de Bertamiráns. O motivo é o inicio das obras de renovación do terreo de xogo, grazas a un convenio subscrito entre o Concello de Ames e maila Deputación da Coruña. Este proxecto foi adxudicado á empresa Prace Servicios Y Obras S.A. por un importe de 312.067 euros. Desta maneira, a Deputación financiará o 80% do proxecto, mentres o Concello de Ames achegará o 20% restante.

Esta semana comezaron as obras de renovación do terreo de xogo do campo municipal de fútbol de Bertamiráns. O proxecto foi adxudicado á empresa Prace Servicios Y Obras S.A., por un importe de 312.067 euros. Trátase dun proxecto moi necesario xa que o campo de fútbol de Bertamiráns acolle ao longo do ano adestramentos e partidos oficiais de varios equipos locais. E despois dunha década de uso, presenta un estado deficiente debido ao desgaste da fibra do terreo de xogo.

As obras consisten na retirada do firme actual mediante un sistema sostible, que permita a súa reciclaxe ou reutilización, e a instalación dun novo céspede de herba artificial de última xeración, que garante unha excelente función deportiva e técnica, e que se instalará sobre unha superficie regular e previamente compactada. Ademais, farase unha revisión da cementación do terreo de xogo. As obras avanzan a bo ritmo e xa se retirou o céspede vello.

Para executar este proxecto o Concello de Ames e maila Deputación da Coruña asinaron un convenio de colaboración. Así, a Deputación financiará o 80% do proxecto, mentres o Concello de Ames achegará o 20% restante.

O campo habilitarase para a práctica de fútbol 8 e fútbol 11, segundo os criterios regulamentarios da RFEF, e dotarase de novas porterías, redes e outro equipamento para a práctica do fútbol. Acometerase tamén a renovación do metacrilato dos bancos, dado o seu mal estado. As obras inclúen tamén unha mellora na grada existente, onde se instalarán asentos plásticos, de fácil mantemento e limpeza, para facilitar unha maior comodidade dos espectadores que a asisten aos partidos.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Comienzan las obras de renovación del campo de fútbol municipal de Bertamiráns"

Obras no campo de fútbol de Bertamiráns

Multimedia

  • Obras no campo de fútbol de Bertamiráns
  • Obras no campo de fútbol de Bertamiráns
  • Obras no campo de fútbol de Bertamiráns