[25-05-2017] Esta semana comezaron as obras de mellora e reparación da Casa da Cultura de Bertamiráns. Estes traballos, que foron adxudicados á empresa CYS Hispania SL por 67.553 euros (IVE incluído), comezaron a executarse na fachada e na cuberta do edificio. Trátase da primeira reforma integral deste local municipal durante os vinte anos que leva funcionando. Estas obras están incluídas dentro do Plan de Obras e Servizos (POS) da Deputación provincial da Coruña.
A través desta actuación o goberno municipal pretende paliar as deficiencias detectadas na Casa da Cultura de Bertamiráns, que é un dos locais municipais máis usados e con maior afluencia de veciños e veciñas, tanto para realizar actividades que imparte o Concello (Escolas culturais, Escolas deportivas, actividades da Oficinas de Voluntariado, etc) coma para a asistir a espectáculos teatrais e musicais que forman parte da programación municipal, así como as actividades das asociacións e colectivos locais.
As obras de mellora comezaron a executarse esta semana na fachada e na cuberta do edificio. Deste xeito, trabállase na impermeabilización da fachada e das zonas con humidade. Posteriormente, mellorarase o sistema de calefacción e modificarase o patio de butacas e o anfiteatro para que os espectadores gañen visibilidades nos espectáculos que se representan no auditorio (incrementarase a pendente do solo das dúas zonas de butacas). Ademais, vaise crear un novo acceso dende o interior do auditorio á cabina de técnicos. Estes últimos traballos realizaranse no mes de xullo, cando finalice a programación cultural deste trimestre.
O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, destaca que “se trata dunhas obras moi necesarias e urxentes polo que a empresa adxudicataria realizará os traballos durante os meses de xuño e xullo, co obxectivo de que estean finalizadas de cara ao mes de setembro. Dende o goberno démoslle prioridade a estas obras que están incluídas dentro do Plan de Obras e Servizos (POS) da Deputación provincial da Coruña. Trátase dunha reforma integral deste edificio municipal, a primeira con carácter global e que afecta ao auditorio dende o ano 1997, momento no que se inaugurou este centro sociocultural”.




