[27-02-2013] O Concello de Ames informa de que esta mañá comezaron as obras que se acometerán para a mellora e acondicionamento parcial da Travesía do Porto, no Milladoiro. A empresa adxudicataria das obras, Martínez Montes e Hijos, iniciou os traballos na zona, levando a cabo a renovación do firme asfáltico mediante o varrido previo da superficie e a aplicación de dobre tratamento asfáltico. Ata o lugar, desprazáronse esta mañá o alcalde de Ames, Santiago Amor, e o concelleiro de Vías, Obras e Urbanismo, Alfredo Taboada, para comprobar o desenvolvemento das obras.
Características das obras
O Concello de Ames adxudicou a finais de decembro as obras de reparación do firme asfáltico e pintado na Travesía do Porto, que se levan a cabo grazas a un convenio asinado coa Deputación da Coruña. Estas obras de mellora están dotadas con preto de 62.000 euros e consisten na renovación do firme asfáltico da Travesía mediante varrido e bacheo previo da superficie e aplicación de dobre tratamento asfáltico superficial, contemplándose unha franxa central de 7 metros de ancho executada en aglomerado asfáltico. Ademais, procederase ao pintado da sinalización horizontal e do trazado de vía e á instalación de sinalización semafórica.
Estes traballos poden chegar a ocasionar algún tipo de inconveniente aos veciños e veciñas durante a súa execución e pola presenza de operarios na zona. Por este motivo, rexistraranse restricións de tráfico nesta rúa, en momentos puntuais e que en función do desenvolvemento das obras poderán chegar a ser totais nalgúns dos carrís de circulación. As restricións levaranse a cabo por zonas e estarán convenientemente sinalizadas. O Concello lamenta as posibles molestias que poidan ocasionar os traballos.
O alcalde de Ames, Santiago Amor, fai fincapé en que “o obxectivo destes traballos é mellorar o estado e a seguridade dunha das avenidas máis importantes do Milladoiro”. O rexedor amiense indica que “as obras na Travesía do Porto permitirán mellorar a seguridade dos vehículos e peóns que cada día transitan por esta zona, despois de moitos anos sen que tivera unha actuación desta índole”. Asemade, a empresa construtora está nestes días acometendo as obras das beirarrúas.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Ames comienza a renovar el firme de la Travesía do Porto"




