Pestanas principais

Comezan as obras de mellora e acondicionamento da Avenida do Muíño Vello, no Milladoiro

Luns, 22 de abril de 2013

[22-04-2013] Esta mañá comezaron as obras de mellora e acondicionamento da Avenida do Muíño Vello, a principal vía de acceso ao polígono do Milladoiro. Estes traballos, que se enmarcan nunha subvención concedida pola Consellería de Economía e Industria ao Concello de Ames, contan cun orzamento de máis de 49.710 euros e están sendo realizados polos traballadores da empresa Martínez Montes e Hijos. O alcalde de Ames, Santiago Amor, e o concelleiro de Vías, Obras e Urbanismo, Alfredo Taboada, achegáronse esta mañá ata a zona para comprobar o inicio dos traballos. Ademais, a Policía Local de Ames estivo nesta avenida para levar a cabo a regulación do tráfico.

O rexedor amiense subliñou que estas obras, que está previsto que continúen mañá, “teñen como finalidade mellorar o mantemento dunha infraestrutura básica e tan necesaria, tanto para as persoas que traballan no polígono como para as que empregan os seus servizos ou son clientes”. Santiago Amor fixo fincapé en que se trata dunha actuación moi demandada tanto polos veciños, como polos empresarios e usuarios do parque industrial.

O obxecto desta actuación é reparar o firme do acceso rodado ao polígono empresarial do Milladoiro, derivado da súa normal utilización, polo tempo transcorrido desde a súa execución e a intensidade do tráfico viario. A lonxitude do tramo no que se traballa é de 720 metros e dispón de sección transversal variable, nalgúns tramos dispón de tres carrís de circulación e noutros de dous. Unha parte desta vía pertence ao Concello de Santiago, polo que Ames solicitoulle permiso para poder acometer estes traballos.

As actuacións previstas comprenden o varrido e bacheo previo da superficie e a posterior execución de 4 centímetros de aglomerado asfáltico en todo o trazado. Posteriormente, procederase ao pintado do trazado da vía e da sinalización horizontal.

Cortes de tráfico
Para permitir o desenvolvemento dos traballos, que está previsto que continúen o martes, desde as 9:00 horas a Policía Local de Ames procedeu a cortar ao tráfico un dos carrís de circulación e as saídas das rúas que conectan coa Avenida do Muíño Vello. Os axentes recomendan evitar o paso pola Avenida do Muíño Vello, e aconsellan empregar como saída do polígono do Milladoiro a Travesía do Porto, continuando pola rúa Madalena ata a Avenida de Rosalía de Castro, na N-550. Para acceder ao polígono, recoméndase empregar o mesmo percorrido á inversa: Avenida Rosalía de Castro, Rúa Magdalena, Travesía do Porto e Polígono.

Estes traballos poden chegar a ocasionar algún tipo de inconveniente aos veciños/as e aos condutores/as durante a súa execución e pola presenza de operarios na zona. O Concello lamenta as posibles molestias que poidan ocasionar as obras.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames repara la rúa Muíño Vello, vial de acceso al polígono de O Milladoiro"