Pestanas principais

Comezan as obras de mellora da Casa da Cultura de Bertamiráns, que afectarán a algúns servizos e departamentos

Venres, 07 de xaneiro de 2022

O próximo luns 10 de xaneiro darán comezo as reformas na Casa da Cultura de Bertamiráns, que mellorarán o seu alumeado, renovarán pavimentos e falsos teitos no primeiro andar e engadirán novos espazos ao carón do auditorio, que se empregarán para un almacén, unha zona de acceso ao escenario e unha sala de lactancia. O proxecto fora adxudicado no pasado mes de agosto e incluía actuacións nos dous centros socioculturais amesáns, cun orzamento de 96.800 euros sufragado con fondos do POS+ 2020 da Deputación da Coruña. Varios servizos veranse afectados polas obras, como a biblioteca, a sala de estudo e a Aula CeMIT, que pechan dende o luns, ou os departamentos de Medio Ambiente e Turismo, que traballarán de xeito telemático.

A Xunta de Goberno Local do pasado 12 de agosto de 2021 acordara a adxudicación de múltiples actuacións nas Casas da Cultura do Milladoiro e de Bertamiráns á empresa Área Proyección, Construcción e Servicios S.L.U., cun orzamento de 96.800 euros. Finalmente, as melloras, sufragadas co plan POS+ 2020 da Deputación da Coruña, comezarán este vindeiro luns 10 en Bertamiráns, afectando a varios servizos e departamentos municipais.

As reparacións incluirán unha importante mellora no alumeado interior do edificio, con cambios na iluminación do auditorio, nas balizas das escaleiras e no cadro de acendidos, coa instalación de proxectores LED de 13W e luminarias de luz suave de 58W.

Pola súa banda, no primeiro andar haberá novas luces LED de 60x60 centímetros, cambios que virán acompañados dun novo falso teito e de pavimentación cun novo vinilo. As escaleiras de acceso á planta tamén contarán cun novo pavimento a base de pezas de  gres porcelánico.

As obras engadirán novas áreas útiles ao carón do auditorio, cunha reorganización do espazo que permitirá a creación dun almacén, unha nova zona de acceso ao escenario e unha sala de lactancia, que contará cun cambiador para bebés.

Por último, pintaranse zonas do vestíbulo da planta baixa, do distribuidor da planta primeira e da zona das escaleiras. Ademais, substituiranse todas as portas interiores, que virán acompañadas dos rótulos correspondentes ao espazo ao que darán acceso.

A biblioteca atenderá a distancia e no centro do Milladoiro

Tanto a biblioteca municipal como a súa sala de estudo permanecerán pechadas dende o próximo luns 10 de xaneiro, xa que as obras afectan directamente ao seus accesos e ao seu funcionamento habitual. O seu persoal indica ás usuarias e usuarios que poden realizar as súas consultas, devolucións, renovacións e reservas na biblioteca do Milladoiro, ou ben a través do enderezo biblioteca@concellodeames.gal ou do teléfono 981 530 807. Para facilitar as devolucións dos préstamos, a biblioteca habilitará un caixón onde poder depositar os exemplares retirados polos usuarios e usuarias.

A Aula CeMIT continúa coa súa oferta formativa en liña

A Aula CeMIT amesá tamén se verá afectada polas obras, polo que terá que pechar as súas portas, continuando a atención ás usuarias e usuarios por vía telefónica, no 682 373 753, ou a través do correo electrónico cemit.ames@xunta.gal. Non obstante, dende o luns 10 de xaneiro comeza unha serie de cinco cursos formativos a distancia dirixidos ás usuarias e usuarios adultos, que se realizan a través da súa canle de YouTube. Ata o 3 de febreiro terán lugar diferentes propostas, nas que se poderán aprender a mellorar habilidades como a mecanografía, empregar o DNI electrónico ou mesmo a crear contidos a través de webs, blogs ou mesmo plataformas de streaming. Toda a información sobre estes cursos pódese consultar seguindo esta ligazón.

O persoal dos departamentos de Medio Ambiente e Turismo teletraballará

Por último, os departamentos de Medio Ambiente e Turismo, así como a oficina da Concellaría de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente quedan igualmente afectados polas reformas nos accesos á primeira planta e nos seus corredores. Así, o seu persoal teletraballará dende o luns 10 ata o venres 28 de xaneiro, data provisional que variará se as obras seguen sen posibilitar o traballo nos respectivos espazos do primeiro andar.

Novas relacionadas

La Voz de Galicia: "Las obras obligan a cerrar la biblioteca de Bertamiráns y el aula de informática"

El Correo Gallego: "Cierres por reformas en la casa de la cultura de Bertamiráns todo el mes"

Compostela 24 Horas: "Comezan as obras de mellora da Casa da Cultura de Bertamiráns, que afectarán a algúns servizos e departamentos"

Comezan as obras de mellora da Casa da Cultura de Bertamiráns, que afectarán a algúns servizos e departamentos

Multimedia

  • Comezan as obras de mellora da Casa da Cultura de Bertamiráns, que afectarán a algúns servizos e departamentos
  • Comezan as obras de mellora da Casa da Cultura de Bertamiráns, que afectarán a algúns servizos e departamentos
  • Comezan as obras de mellora da Casa da Cultura de Bertamiráns, que afectarán a algúns servizos e departamentos
  • Comezan as obras de mellora da Casa da Cultura de Bertamiráns, que afectarán a algúns servizos e departamentos
  • Comezan as obras de mellora da Casa da Cultura de Bertamiráns, que afectarán a algúns servizos e departamentos
  • Comezan as obras de mellora da Casa da Cultura de Bertamiráns, que afectarán a algúns servizos e departamentos
  • Comezan as obras de mellora da Casa da Cultura de Bertamiráns, que afectarán a algúns servizos e departamentos