Pestanas principais

Comezan as obras de construción e urbanización da beirarrúa oeste da Travesía do Porto e mailo acceso ao parque público

Mércores, 21 de febreiro de 2018

[21-02-2018] A pasada semana comezaron as obras de urbanización da Travesía do Porto, para executar unha nova beirarrúa pola beira oeste da rúa e para abrir un acceso ao parque público verde. A intención do goberno municipal é conectar a zona urbana cos espazos verdes que están nesta zona do Milladoiro para crear neste lugar un gran espazo de lecer e esparexemento tanto de nenos/as coma de adultos. Este parque contará cunha escaleiras e unha rampla accesible como accesos a propia Travesía do Porto. Os traballos foron adxudicados á empresa Martínez Montes e Hijos SL por un importe de 245.993 euros. O prazo de execución do contrato fíxase en catro meses. A través desta obra tamén se dotará dos servizos necesarios á contorna da parcela onde se vai a construír o novo centro de saúde do Milladoiro.

O goberno municipal traballa na mellora do Milladoiro. Para iso acaban de comezar as obras para urbanizar a beirarrúa oeste da Travesía do Porto e conectala co parque público que está ao carón da Casa da Cultura, do pavillón e do instituto desta localidade. Este proxecto, que foi adxudicado por un importe de 245.993 euros, será sufragado a través dunha achega provincial de 2016 (antigo Plan de Acción Social) que está incluída dentro do POS+ 2017.

A través deste proxecto abordarase a ordenación da Travesía do Porto que seguirá mantendo a súa configuración de travesía urbana. Deste xeito, a través desta obra esta rúa disporá dunha calzada de 7 metros de sección, aparcamentos laterais de 2,5 m que incorporan unha rigola que os separa da calzada e unha beirarrúa oeste totalmente reformada. Neste tramo a sección neta desta beirarrúa, de 7 metros, distribúese en beirarrúa exterior (Camiño Portugués) de 3,30 metros, e beirarrúa interior de 2,60 metros de dimensión mínima, separadas ambas por aliñación de arboredo. Nesta fase non se executa a beirarrúa leste, e da calzada só a sección necesaria para incorporar a canalización de pluviais prevista.

Debido ás devanditas obras acotouse unha zona pola que a veciñanza do Milladoiro terá que camiñar cando discorra pola Travesía do Porto. Esta zona pódese ver no mapa que acompaña a esta nova. O concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, destaca que se trata “dunhas obras que marcarán un antes e un despois no Milladoiro porque abrirán esa zona verde á veciñanza e cambiará radicalmente a imaxe dese entorno. Agora toca esperar 4 meses a que rematen as obras e para comezos do verán poder desfrutar das mesmas. Dende o Concello pedímoslle desculpas á veciñanza do Milladoiro polas molestias que poidan ocasionar estes traballos, pero son necesarios para poder executar este proxecta tan necesario para O Milladoiro”.

Ordenación dos espazos libres peonís
En canto á ordenación dos espazos libres peonís o proxecto recolle a execución dunha bancada de acceso e un espazo de transición entre a Travesía do Porto e o parque verde público. Para crear a bancada de acceso, acondicionarase unha pequena área de solo residual entre as pistas deportivas públicas e as novas edificacións previstas, para dispor dunha entrada aos espazos verdes dende a Travesía do Porto.

Así, ampliarase a súa función actual e poderase empregar como área de lecer, mediante a súa transformación en grada e escaleiras, onde poidan incorporarse os elementos de amoblamento e axardinamento que sexan adecuados para o descanso e as actividades propias dun parque, de xeito que o propio acceso forme parte do parque. Incorpórase así, a conformación de bancos sobre as gradas a aos pes dos muros. Ademais, construírase un espazo de transición entre o acceso pavimentado e as novas edificacións, que procurará a recuperación do arboredo existente e a implantación de novas especies así como de novas zonas de xardín.

Instalación das redes eléctrica, saneamento e abastecemento
Por outra banda, construírase unha nova rede de abastecemento de auga que dea servizo ás demandas de rega que plantexan os espazos verdes proxectados. A conexión realízase á condución existente na rúa do Buxo e pecharase o circuíto coa conexión a rede á altura do cruce da Travesía coa rúa Cereixos, seguindo as indicacións da compañía concesionaria do servizo municipal. Respecto da rede de rega, proxéctase a implantación de aspersores para atender a rega do axardinamento do parque urbano, deseñándose dita rede para atender á totalidade de áreas axardinadas.

Tamén se contempla a execución dunha rede separada de saneamento para a recollida de augas pluviais e maila instalación dunha rede de enerxía eléctrica, ao longo da beirarrúa oeste, que dará servizo á iluminación pública proxectada no ámbito obxecto do presente proxecto; isto é: o conxunto de luminarias proxectadas na beirarrúa oeste da Travesía do Porto, e os proxectores sobre báculo que iluminan o acceso adaptado ao parque do Milladoiro e á zona de xogos infantís. A iluminación pública proxéctase con dobres luminarias tipo Iguzzini Delphi ou similar en poste de 8 metros de altura no aparcamento. No interior do acceso ao parque instalaranse luminarias tipo Iguzzini iPro ao marxe do percorrido de acceso, sen interromper a súa continuidade.

O proxecto tamén recolle a sinalización horizontal (pintura na travesía dos pasos peonís, separación de carrís, liñas de detención, etc) e vertical (sinais de ceda o paso, de información, de pasada…).

Unión da área urbana cos espazos verdes
A través desta actuación váiselle dar continuidade a zona urbana que ven dende a rúa Palmeiras e vaise abrir o parque verde público aos peóns que transiten pola Travesía do Porto. O obxectivo do goberno municipal é abrir o parque central do Milladoiro (que está pegado á Casa da Cultura, ao pavillón, á piscina descuberta e ao instituto) e unilo á Travesía do Porto para formar unha gran zona verde e área de lecer para todos os veciños e veciñas desta localidade. Este parque contará cunha escaleiras e unha rampla accesible como accesos a propia Travesía do Porto.


Contido relacionado


Compostela 24 Horas: "Travesía do Porto contará con una nueva acera"
El Correo Gallego: "Obras vitais na Travesía do Porto para ter un dispensario"