[13-11-2014] O Concello de Ames vén de adxudicar á empresa Martínez Montes, S.L as obras de conexión do núcleo de Ventín e o enlace á variante Galanas-Pardiñas. Os traballos, orzamentados en 58.080 euros e cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), acaban de comezar e está previsto que finalicen no prazo de tres meses. A finalidade destas intervencións é acondicionar o acceso ao polígono industrial debido ao deficiente estado do firme. As malas condicións actuais dificultan o paso do tráfico rodado e mesmo a axeitada evacuación das augas pluviais.
A vía consta de 1.150 metros de lonxitude e 6 metros de anchura. Con estes arranxos, o Concello de Ames busca mellorar a seguridade de circulación de vehículos e peóns, ao tempo que se facilita o acceso ao parque empresarial dende o lado oeste. O consistorio atende así ás demandas formuladas pola veciñanza.
Entre as actuacións previstas destacan a colocación de dez centímetros de macádam, -pavimento composto de pedra esmagada e prensada-, a instalación dun rego de adherencia, limpeza de cunetas, perfilado de taludes e beiravías, pintura de asfalto e colocación de sinais.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "Comienza la obra de conexión entre Ventín y la variante de As Galanas"