Pestanas principais

Comezan as obras de ampliación do abastecemento de auga no lugar de Barouta

Martes, 14 de maio de 2013

[14-05-2013] Esta mañá comezaron as obras de ampliación do abastecemento de auga no lugar de Barouta, na parroquia de Ames. Nestes traballos, incluídos no Plan de Obras e Servizos 2012 da Deputación da Coruña e que leva a cabo a empresa Excavaciones Ovidio, investiranse máis de 50.800 euros.

A través deste proxecto de abastecemento de auga vaise mellorar a calidade do servizo que recibe actualmente o CEIP de Barouta e vaise ampliar o servizo a un gran número de veciños/as deste lugar da parroquia de Ames. O proxecto enmárcase dentro da planificación de abastecemento do Concello que ten como obxectivo acondicionar as redes secundarias da rede de saneamento e abastecemento municipal. O alcalde de Ames, Santiago Amor, subliña que “con esta actuación mellorarase a rede de saneamento do Concello, ampliando o servizo a vivendas e á comunidade educativa e mellorando a súa calidade”.

As obras que se están acometendo no lugar de Barouta consisten na execución dunha canalización de polietileno de 2.320 metros de lonxitude, conectando o núcleo de Barouta dende a rede existente en Pedrouzos, previa escavación de gabia e posterior recheo compactado.

O obxectivo destes traballos é continuar coa rede de abastecemento municipal nesta zona, para o que se contempla a utilización de 2.320 metros de canalización coa correspondente instalación de valvulería e arquetas de aloxamento. Finalmente, levarase a cabo a reposición do pavimento afectado pola execución das obras, semellante ao existente, así como o entronque á rede existente e probas hidráulicas.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Comezan as obras de ampliación do abastecemento de auga no lugar de Barouta"