Pestanas principais

Comezan as mañás de fútbol no Milladoiro co terceiro campus da Fundación Celta de Vigo

Luns, 27 de xuño de 2016

[27-06-2016] O campus da Fundación Celta de Vigo arrancou esta mañá no campo do Milladoiro SD. Un grupo de 52 rapaces e unha rapaza traballarán baixo a supervisión de catro adestradores chegados das instalacións do Celta de Vigo na Madroa. Ao longo de cinco días os rapaces e rapazas, de idades comprendidas entre os 4 e os 14 anos, xogarán, farán novos compañeiros e aprenderán un pouco máis dun dos seus deportes preferidos. Como nas dúas edicións anteriores o campus rematará cunha festa familiar á que están convidados amigas, amigos e familiares.

Un total de 52 rapaces e unha rapaza pasarán as mañás desta semana nas instalacións do campo municipal de fútbol do Milladoiro. Saltan ao campo coas camisetas do club organizador deste Campus de verán: o Celta de Vigo. Da man de catro dos seus adestradores os rapaces, divididos en grupos por idades, rótanse nas catro áreas nas que se dividiu o terreo. Cada área ou estación, explica o técnico Adrián Abalo, “está adicada a un aspecto do adestramento: coordinación, competición, multideporte ou técnico-táctica”.

Un destes días, explica, adícase a organizar pequenas competicións, mesturando aos rapaces que xogaban en grupos distintos, botando partidos e facendo pequenos torneos. Engade que para el é un pracer volver por terceira vez a Ames como adestrador deste Campus: “é xenial ver a ilusión que teñen os rapaces por adestrar en verán e por pasalo ben”. Incide na importancia que ten a dimensión lúdica destes campus na súa organización “que os rapaces desfruten é o importante”.

Todos os adestradores traballaron ou traballan nas instalacións da Madroa. Entre eles, este ano, atópase Salva, a quen os afeccionados/as do Celta de Vigo identificarán como un dos xogadores do equipo que estivo a piques de gañar unha Copa del Rei no ano 1994. Seguen de preto o traballo dos rapaces e rapazas durante estes cinco días, nalgúns casos este seguimento por parte da Fundación Celta de Vigo pode continuar.

No campo de fútbol do Milladoiro mestúranse as voces dos catro adestradores ditando instrucións e as dos nenos, competindo amistosamente entre eles. Dun grupo a outro móvese Brais Alonso, o presidente da Peña Celtista do Milladoiro, que acude esta semana para botar unha man “aí onde se me precisa”. Explica que para a Peña foi un “gran orgullo que o Celta de Vigo accedese a incluír Ames como localización dun dos seus campus de verán”. Moitos dos rapaces xa o coñecen de anos anteriores; e Brais explica que ademais “unha gran parte deles xogan no Milladoiro, aínda que tamén veñen xogadores doutros clubs”. “Moitos deles repiten”, expresa satisfeito, “e á Peña chaman as familias a medida que se achega o verán para preguntar cando terá lugar o Campus de fútbol”.

Siro, un dos rapaces que viste a camiseta azul celeste, deixa o xogo uns intres para que explicar que el é un deses nenos que decidiron apuntarse máis dunha vez a esta actividade. “Adestramos, xuntámonos con outros grupos, o que gaña é o que celebra”, sorrí ao ser preguntado polo que máis lle gusta do Campus: “todo”. Este venres, despois de cinco xornadas de deporte, pecharase esta terceira edición do campus cun xantar. A el asistirán directivos da Fundación Celta de Vigo, e están convidados a participar amigos, amigas e familiares dos rapaces participantes.