[10-12-2016] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, estivo traballando para mellorar a seguridade no polígono industrial do Milladoiro. Para iso instaláronse tres cámaras de videovixiancia que están situadas nos tres puntos de acceso a dito parque empresarial (rúa das Oliveiras, rúa das Hedras e entrada dende o lugar de Coira). A colocación destes dispositivos, que foron financiados a través dunha axuda da Consellería de Industria da Xunta de Galicia, contaron coa aprobación da Comisión de Garantías para a Videovixiancia, tal e como se informou a semana pasada na Xunta Local de Seguridade.
A concelleira de Promoción Económica, Isabel González, explica que “co obxectivo de mellorar a seguridade no parque empresarial Novo Milladoiro colocáronse tres cámaras de videovixiancia que están colocadas nos accesos desta área industrial como son a rúa das Oliveiras, a rúa das Hedras e maila entrada dende o lugar de Coira. Deste xeito, dáse resposta a unha demanda feita na Mesa Local de Comercio na que dende a asociación de empresarios do parque empresarial do Milladoiro solicitaron dotar de maior seguridade ao polígono”.
Ditas cámaras funcionarán en horario nocturno, de 22:00 a 08:00 horas, e estarán custodiadas pola Policía Local de Ames. As imaxes serán almacenadas nun RAC do departamento municipal de informática e só poderán acceder a estas os axentes da Policía Local. O fin único e exclusivo da colocación destes tres dispositivos é previr posibles delitos dentro de dito parque empresarial. A colocación das cámaras foi sufragada nun 80% a través dunha axuda concedida pola Consellería de Industria. Así, a Xunta de Galicia realizou unha achega de 22.000 euros, mentres que o Concello puxo o 20% restante.
Cómpre lembrar que na Xunta Local de Seguridade, celebrada o pasado 29 de novembro, o subdelegado do Goberno na Coruña, Jorge Atán, informou dos avances na autorización para a posta en servizo de cámaras de videovixiancia no polígono de Novo Milladoiro. Neses intres a tramitación destas cámaras estaba unicamente pendente da autorización final da Delegación do Goberno, xa que contaba co informe favorable da Comisión de Garantías para a Videovixiancia de Galicia. Unha vez emitida dita autorización xa comezaron a funcionar as tres cámaras co obxectivo de mellorar a convivencia cidadá e a prevención de delitos relacionados coa seguridade pública. Ames é dos poucos concellos galegos aos que se lle autorizou o uso destes dispositivos.
A técnica da asociación de empresarios do parque empresarial do Milladoiro, Salomé Blanco, móstrase satisfeita pola instalación destes dispositivos de videovixiancia porque “permitirán manter un control dos vehículos entrantes e saíntes no polígono”. Salomé Blanco agradécelle ao Concello o traballo feito neste senso “xa que todo o que sexa incrementar as medidas de seguridade é positivo. Agardamos que se siga traballando nesta liña e seguir dotando de maior seguridade a este parque empresarial”. Por último, tamén valorou de xeito positivo “a elevación dos pasos de peóns que permiten que os vehículos circulen a menor velocidade diminuíndo así os accidentes de tráfico que na rúa das Palmeiras soen ser numerosos”.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "Entran en funcionamiento tres cámaras de videovigilancia en los accesos de NovoMilladoiro"
El Correo Gallego: "Vigilan el polígono de Milladoiro con tres cámaras que grabarán de noche"