[16-10-2017] Este luns, 16 de outubro, a radio municipal de Ames comeza a emitir os programas radiofónicos realizados pola veciñanza. No total, son 10 os proxectos que formarán parte da grella radiofónica ao longo de outubro, novembro e decembro. Neles, abordaranse temas tan diversos como a educación dos fillos, a diversidade cultural ou o patrimonio histórico e cultural do concello.
Ás 17:00 horas de hoxe, Ames Radio emitirá o primeiro dos programas realizados pola veciñanza. Será “Vivirmos nun mundo finito”, creado pola Asociación Ames Pospetróleo. O programa pretende difundir entre a veciñanza os problemas derivados do final da enerxía fósil, así como as súas consecuencias para a vida cotiá e o que cada quen pode facer á hora de afrontar esta problemática. Ás 21:30 horas de hoxe tamén se emitirá “O Torreiro”, o cal achegará a música galega actual á audiencia de Ames Radio. A programación repetirase ao longo dos luns de outubro, novembro e decembro.
Os martes, ás 17:00 horas, será a quenda do “Elas Conversan”. Un programa que nace coa vontade de coeducar e dar a coñecer as mulleres da contorna á audiencia, co obxectivo de promover a igualdade de xénero. Ás 21:30 horas emitirase o espazo denominado “Diversidade” que, realizado pola Asociación Vivo en Ames, tratará de visibilizar as diferentes culturas existentes no noso concello. Os mércores, as e os ouvintes de Ames Radio poderán gozar, ás 17:00 horas, do programa “De Museo”, que divulgará o patrimonio histórico e cultural de Ames, fomentando a súa posta en valor.
“Tangos de la esquina sur” é o programa que se emitirá os xoves, ás 17:00 horas. Como o seu nome indica, o programa difundirá a música, a historia e as personaxes máis coñecidas do tango, de onte e de hoxe. Ás 18:00 horas, o programa “Contrapunto” difundirá, pola súa banda, a música feita en Ames e arredores. Este espazo incluirá, alén dunha axenda semanal de concertos, entrevistas e actuacións en acústico. Os xoves, ás 21:30 horas, emitirase “Miradas”, un programa no que se abordarán diferentes técnicas de desenvolvemento persoal, coa finalidade de favorecer o equilibrio e benestar a través de entrevistas e experiencias con profesionais locais.
Os venres, ás 17:00 horas, emitirase “Ames Network”, un programa semanal de 30 minutos de duración que achegará aos ouvintes e aos usuarios das ferramentas 2.0 e redes sociais o manexo correcto de estratexias e de boas prácticas na contorna dos medios dixitais de comunicación para mellorar a súa marca persoal, reforzar o emprendemento exitoso en internet, posicionar de forma axeitada a presenza na contorna dixital e coñecer as particularidades e rendemento das principais ferramentas 2.0.
Tamén os venres, ás 17:30 horas, emitirase “Pais na Onda”, un espazo onde as nais e pais poderán resolver as dúbidas que lles xurdan no eido da crianza, tanto na casa, como na escola ou en relación coa comunidade. Ao mesmo tempo, darase información actualizada acerca das actividades que ofrece o Concello para o crecemento e goce en familia. O Concello de Ames ofrece desta maneira a posibilidade á veciñanza de presentar, elaborar e emitir os seus propios proxectos. A radio municipal será a encargada de facilitar o espazo físico, o equipamento e o persoal técnico preciso para a gravación dos programas ao longo destes meses.




