A III Semana Europea da Mobilidade incorpora como novidade a Escola de Bici organizada pola Concellaría de Promoción da Saúde. Os días 16, 17 e 18 de setembro, no aparcamento de Agriños no Milladoiro, desenvolverase dous talleres de iniciación pensado para que as mulleres maiores de 55 aprendan a andar en bicicleta. As mulleres participantes poderán escoller entre dous horarios: de 16:00 a 18:00 horas e de 18:00 a 20:00 horas. A actividade conta cun total de 10 prazas repartidas en dous grupos de 5 persoas. Para participar nesta actividade é necesario inscribirse previamente enviando un correo electrónico ao enderezo promociondasaude@concellodeames.gal
A III Semana Europea da Mobilidade comeza o xoves 16 de setembro coa novidade desta edición, unha Escola de Bici. A Concellaría de Promoción da Saúde, colabora coa de Mobilidade, para desenvolver esta nova actividade durante tres xornadas.
Esta iniciativa xurde nun contexto de emprego abusivo do automóbil privado, coas consecuencias negativas que presenta (aumento da contaminación atmosférica e acústica, sinistralidade, hábitos sedentarios na poboación, ocupación excesiva do espazo público, etc.), a bicicleta configúrase como un medio de transporte chave na consecución dun modelo de mobilidade máis sostible, saudable e favorable ao benestar e calidade de vida das persoas. A Semana Europea da Mobilidade pretende, neste sentido, fomentar o uso de modos de transporte sostibles, como é a bicicleta.
Ademais, na actual situación sociosanitaria derivada da COVID-19, a bicicleta adquire maior protagonismo como medio de transporte que facilita a distancia social e que mellora o sistema inmunolóxico das persoas.
Actualmente, en torno a un 10% da poboación, segundo o barómetro da Bicicleta de 2019, non sabe andar en bici. Ademais, por sexo, predominan as mulleres (un 15% das mulleres non saben andar en bici fronte ao 5% no caso dos homes) e, por idade, a partir dos 55 anos e, especialmente, dos 70 é onde unha maior porcentaxe de poboación non sabe andar en bici.
Polo tanto, para poder fomentar o uso da bicicleta e acadar un modelo de mobilidade máis sostible e saudable, é preciso darlle ás persoas a primeira ferramenta imprescindible: saber andar en bici.
As veciñas de Ames, maiores de 55 anos, que nunca probaron este deporte, poderán desfrutar da oportunidade para aprende a andar en bicicleta.
Segundo a Concelleira de Promoción da Saúde, Luísa Feijóo, este curso vai permitir que persoas que nunca montaron en bici aprendan a facelo en só 6 horas “este curso está dirixido a todo o mundo pero especialmente ás mulleres maiores de 55 anos pois segundo un estudo é nesta franxa de idade onde atopamos máis persoas que non saben usar a bicicleta” E engadiu “esta é unha oportunidade estupenda para que aprendan a andar en bici, algo que as vai empoderar e, sobre todo, gañarán liberdade e autonomía.”
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Ensinarán a dez mulleres a andar en bici no Milladoiro"
Revista AmesGO: "Clases de bici para mulleres maiores de 55 anos no Milladoiro"






