- Tematica
Este xoves, 23 de outubro, comezou a vixésima edición do Festival Internacional de Maxia de Ames, que se vai a celebrar ata o domingo 26 de outubro. Este festival organizado polo Concello de Ames, en colaboración coa Deputación da Coruña, conta cun amplo programa de espectáculos e obradoiros para todos os públicos. O festival comezou co espectáculo “Imposible?!” do galego Mago Rafa, e co espectáculo “O Baúl da Maxia”, da caravana máxica da maga arxentina Lore Lavand, que estivo o xoves 23 na praza de Chavián, en Bertamiráns. A programación continua ao longo do venres, sábado e domingo. Aínda quedan algunhas entradas dispoñibles as dúas sesións da Gala Máxica Internacional, en Bertamiráns, e para os obradoiros de maxia, que poden adquirirse a través da Billeteira electrónica.
Xa comezou o FestiMax 2025. Esta fin de semana volve a celebrarse unha nova edición do Festival internacional de Maxia de Ames, unha das actividades culturais máis lonxevas do concello e que máis expectación xera entre a veciñanza amesá. Esta iniciativa comezou este xoves, 23 de outubro, co espectáculo “Imposible!?” do galego Mago Rafa, e co espectáculo “O Baúl da Maxia”, da caravana máxica da maga arxentina Lore Lavand, que estivo o xoves 23 na praza de Chavián, en Bertamiráns.
As actividades continúan hoxe venres 24 ao longo de toda a xornada. Ás 11.00h realizouse unha sesión de maxia para os maiores na Casa dos Maiores de Bertamiráns, a cargo do mago Antón Noriega. Pola tarde, ás 17.00h, realizarase outra sesión de maxia para os maiores no local de JUPEMI, no Milladoiro. Neste caso a cargo do mago Román García.
Ademais, a maga arxentina Lore Lavand estará co seu espectáculo “O Baúl da Maxia”, dentro da súa caravana máxica, no aparcadoiro da Casa da Cultura do Milladoiro. Trátase dun espectáculo de maxia, con media hora de duración, para grupos reducidos de 20 persoas. Os pases desenvolveranse cada media hora, desde as 17.30 ata as 20.00 horas, e o acceso será de balde, por orde de chegada.
Obradoiros de maxia
Outra das actividades que se realizan de novo este ano serán os obradoiros de maxia, que gozan dunha gran acollida e están dirixidos a rapaces e rapazas de entre 8 e 14 anos. Nesta ocasión, Román García será o encargado de impartir os talleres nos que ensinará aos máis cativos os trucos máis interesantes da maxia. Deste xeito, o sábado 25 de outubro, será a quenda na Casa da Cultura do Milladoiro. Formaranse dous grupos de 12 participantes cada un. A primeira sesión farase ás 11:00h e a segunda a continuación, ás 12:00 horas.
O domingo 26 este mesmo obradoiro impartirase na Casa da Cultura de Bertamiráns. Tamén será impartido por Román García en dúas sesións, ás 11:00 e ás 12:00 horas, e formaranse dous grupos con 12 nenos/as en cada un.
Para participar é necesario inscribirse enviando un correo electrónico ao enderezo cultura@concellodeames.gal poñendo o nome, apelidos da persoa que quere participar no obradoiro de maxia e un número de teléfono de contacto. Neste momento, aínda quedan algunhas prazas libres para todas as sesións das dúas localidades.
Gala máxica internacional
A Gala máxica internacional desta vixésima edición terá lugar o sábado 25 e o domingo 26 de outubro. Como nos últimos anos, haberá catro pases debido á gran demanda e interese que ten este espectáculo entre a veciñanza amesá. A Gala estará presentada polo mago e monologuista catalán Isaac Jurado.
Nesta ocasión, participarán os magos Seimei, de Corea do Sur, e será a primeira vez que actúe en Europa presentando a súa proposta na que os elementos orientais son os protagonistas; Marcos Waldemar, mago galego emerxente que foi galardoado no último Congreso Nacional de Maxia e que estará a presentar unha proposta moi interesante; Peio Rivas, de Vitoria e experto na maxia de manipulación de obxectos, unha das ramas máis complicadas do ilusionismo; e Diego & Elena, dous artistas de Madrid e que presentan un espectáculo no que fusionan as acrobacias aéreas coa maxia.
Aínda quedan algunhas entradas dispoñibles para as dúas sesións da Gala Máxica Internacional do domingo 25, en Bertamiráns, que poden adquirirse a través da Billeteira electrónica. Para máis información pódese chamar aos números de teléfono 981 535 940 / 662 377 444 ou escribir un correo electrónico ao enderezo cultura@concellodeames.gal.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Ames se llena de magia desde hoy hasta el domingo"
El Correo Gallego: "Comeza a XX edición do FestiMax de Ames"















