[04-10-2016] Este mércores, 5 de outubro, comezan as actividades de contacontos nas bibliotecas municipais de Ames. Una ano máis impartiranse varias sesións de contos, que están dirixidas aos nenos e nenas de 3 anos a 8 anos, nas bibliotecas de Bertamiráns e do Milladoiro. Durante o mes de outubro a temática destas actividades xirará arredor do respecto á diversidade e da igualdade de xénero. Estas sesións de contacontos, que son gratuítas e de entrada libre, celébranse nas bibliotecas municipais os días 5, 6, 19 e 20 de outubro, 2, 3, 16, 17 e 30 de novembro, así como o 1, 14 e 15 de decembro.
Detrás de cada libro agóchase un mundo por descubrir, historias que gozar, personaxes que coñecer. As actividades de animación á lectura que ofrecen as bibliotecas municipais de Ames amósanlles aos rapaces e rapazas, mediante sesións de contacontos, a maxia que agochan os libros. Para un mellor funcionamento, as actividades están adaptadas ás idades dos nenos e nenas. Así, as sesións de contacontos están dirixidas especialmente aos nenos/as de entre 3 e 8 anos.
Durante este curso os contos non se centran nunha única temática senón que durante cada mes abordaranse temas distintos, sempre relacionados con aspectos de interese e de actualidade na formación emotiva, artística e formal dos máis cativos. Durante o mes de outubro a temática das sesións de contos xirará arredor da igualdade de xénero e do respecto á diversidade. Deste xeito, durante os días 5 e 6 de outubro impartiranse contos sobre a igualdade de xénero.
Baixo o lema Cousas delas, cousas deles, cousas de todos impartiranse relatos en torno á igualdade de xénero. A primeira sesión terá lugar na biblioteca municipal de Bertamiráns o mércores 5, a segunda na biblioteca do Milladoiro o xoves 6. Por outra banda, co lema Iguais e diferentes recóllense historias sobre o respecto á diversidade. Neste caso o primeiro encontro de contacontos será na biblioteca municipal do Milladoiro o mércores 19, e o segundo na biblioteca de Bertamiráns o xoves 20.
Actividades en novembro e decembro
Durante a primeira semana do mes de novembro as sesións de contos tratarán sobre a integración. Neste caso o lema escollido é Cabemos tod@s. O mércores 2 haberá contacontos na biblioteca de Bertamiráns e o xoves 3 na do Milladoiro. A terceira semana de novembro volverán os contos ás bibliotecas municipais. Nada é como parece, recolle contos protagonizados por personaxes nada `típicos´. Estas actividades desenvolveranse o mércores 16 no Milladorio e o xoves 17 en Bertamiráns.
En decembro tamén haberá catro sesións de contos. A primeira semana baixo o título Princesas, cabaleiros e familias sorprendentes, relataranse contos que rompen os estereotipos de xénero. Os nenos e nenas poderán escoitar estes contos o mércores 30 de novembro na biblioteca de Bertamiráns e o xoves 1 de decembro na biblioteca do Milladoiro. As últimas sesións de contos do ano realizaranse o mércores 14 no Milladoiro e o xoves 15 en Bertamiráns. Neste caso, baixo o lema Trompas, raias e bocexos que cambiaron impartiranse relatos sobre o respecto ás diferenzas.




