[15-10-2014] O Concello de Ames, a través do Servizo de Normalización Lingüística e coa colaboración do Servizo de Atención ao Migrante, puxo en marcha por décimo ano consecutivo os obradoiros de lingua e cultura galega. Baixo o lema “En galego, co teu acento”, esta iniciativa está dirixida a persoas procedentes de fóra de Galicia que viven en Ames, inmigrantes ou emigrantes retornados residentes no concello e a todas aquelas persoas que están interesadas en achegarse á lingua e á cultura galegas. Neste obradoiro, que se imparte de xeito gratuíto, xa hai preto de 30 persoas inscritas. Ao longo desta semana aínda te podes apuntar no obradoiro que se imparte en Bertamiráns. O prazo de inscrición para participar no obradoiro do Milladoiro estará aberto ata o 17 de novembro.
Os obradoiros de lingua e cultura, En galego, co teu acento, son un reflexo da riqueza multicultural do Concello de Ames que na actualidade conta no seu padrón con veciños e veciñas procedentes de máis de corenta nacionalidades. O obxectivo é que estas persoas que viven no concello pero que non naceron, non se criaron en Galicia ou non tiveron a oportunidade de achegarse á nosa lingua, acaden as nocións básicas para comprender e expresarse, tanto dun xeito oral como escrito, galego.
Tamén se pretende fomentar o achegamento á cultura e a historia propias, incidindo dun xeito especial nas cuestións referidas ao Concello de Ames. Neste senso, proporcionarase aos/ás asistentes ao obradoiro información sobre as infraestruturas e os servizos que ofrece a institución municipal.
Promover a cohesión social e a integración na sociedade galega e amiense dos e das participantes no obradoiro, pór en valor a multiculturalidade de Ames e promover o intercambio cultural son tamén obxectivos importantes destes obradoiros de lingua e cultura galega que se desenvolven en Ames por décimo ano consecutivo.
Participación nos obradoiros
O obradoiro, que ten unha duración de 30 horas, é impartido pola técnica municipal de normalización lingüística. As clases do obradoiro que se imparte en Bertamiráns comezaron este martes, 14 de outubro, no Pazo da Peregrina. Nesta localidade as clases desenvolveranse ata o 14 de novembro de 2014, de luns a xoves, en horario de 9:30 a 11 horas. En Bertamiráns, hai un grupo de 16 persoas, pero ao longo de toda esta semana aínda se poden realizar inscrición para incorporarse a este grupo do obradoiro.
Por outra banda, no Milladoiro as clases impartiranse na Casa da Cultura desta localidade desde o 17 de novembro ata o 19 de decembro de 2014, os luns, martes, mércores e venres entre as 9:00 e as 10:30 da mañá. Nesta localidade xa hai 10 persoas inscritas, pero cómpre destacar que neste caso as inscricións poden tramitarse ata o propio día que comeza o devandito curso.
Os obradoiros impártense dun xeito práctico e ameno. Nas clases fanse actividades encamiñadas a facilitar aos asistentes poder entender e darse a entender en galego en situacións da vida cotiá ou conversar tranquilamente coas amizades. Ademais os participantes coñecen aspectos da xeografía, a historia e a literatura de Galicia.
Segundo explica a concelleira de Cultura, María Eugenia Martín, "Ames segue a ser un concello receptor de persoas que proveñen de moitos lugares do mundo e tamén o municipio ao que volven moitas persoas que fixeron a súa vida fóra e que durante anos non tiveron a oportunidade de ter contacto coa nosa cultura. Cremos que ofrecerlles a posibilidade de saber un pouco máis sobre a cultura e a lingua de Galicia pódelles axudar e facilitarlles a súa integración na nosa comunidade".




