[26-06-2017] Ao longo desta semana desenvolverase, tanto en Bertamiráns como no Milladoiro, o programa de conciliación Xuño Lúdico. Este ano as actividades están centradas en torno ao teatro, polo que as nenas e os nenos participantes terán que pensar, desenvolver e interpretar a súa propia obra. O programa transcorrerá ata o próximo venres, en horario de 08:00h a 16:00 horas, con servizo de comedor dispoñible.
Este luns comezou o programa de conciliación Xuño Lúdico, que se desenvolve desde hoxe ata o próximo venres, día 30 de xuño. En total, están inscritos 169 nenas e nenos, repartidos entre Bertamiráns e O Milladoiro. En Bertamiráns, a totalidade das e dos participantes, uns 70 rapaces, concéntranse no CEIP A Maía, mentres que no caso do Milladoiro, onde están inscritas 99 nenas e nenos, estes encóntranse divididos por idades: as e os máis pequenos desenvolven as actividades na Escola Infantil, mentres que os maiores de 6 anos, o fan entre a Casa da Cultura e o pavillón municipal desta localidade.
As actividades, que alén de lúdicas teñen un marcado carácter formativo, xiran, nesta edición, arredor do mundo do teatro. O obxectivo é que o último día, as nenas e nenos participantes, divididos en diferentes grupos, interpreten a súa propia obra de teatro. Para isto, serán elas e eles propios a pensar en todos os aspectos que se requiren para pór en marcha unha obra: o guión, a vestimenta, a maquillaxe, o decorado, a creación do cartel… A única condición que existe é que as obras teñen que estar situadas en lugares emblemáticos do concello.
Alén disto, tamén haberá, ao longo desta semana moitos xogos, varios dos cales xirarán arredor do ámbito da interpretación. Así, algúns deles estarán orientados á expresión oral ou xestual, ou ao fomento da imaxinación con obradoiros de improvisación. Asemade, tamén haberá obradoiros de monicreque e de máscaras, entre outras actividades.
Programas de conciliación de verán
O programa Xuño Lúdico está dirixido aos nenos e nenas que teñen entre 3 e 12 anos. Con el preténdese ofertar unha alternativa que, ademais de ocupar o tempo de lecer dun xeito divertido e educativo no tempo de vacacións escolares, permita ás nais e pais conciliar a vida laboral e familiar. Ademais do Xuño Lúdico, este verán tamén terá lugar o programa de conciliación Escola de Verán, durante os meses de xullo e agosto.






