[08-12-2011] Dentro das políticas activas de emprego o Concello de Ames segue apostando nunha época difícil para a creación de emprego por apoiar a inserción laboral sobre todo de colectivos especialmente desfavorecidos no mercado laboral. A quinta edición do programa Inser Ames está destinada a mozos menores de 30 anos sen cualificación, a mulleres e en menor medida a inmigrantes e inmigrantes retornados. Actualmente xa están impartíndose os módulos de formación transversal e ofrécese un servizo de titorización personalizada. Ames é un dos poucos concellos da provincia que segue ofrecendo este programa que está cofinanciado pola Consellería de Traballo e Benestar a través das axudas para os programas integrados para o emprego. 100 persoas participan na V edición de Inser Ames; estas persoas tiveron que pasar un proceso de selección de beneficiarios remitidos polo servizo público de emprego de Galicia.
O programa contempla varias accións entre as que destacan completar a formación específica cunha titorización especializada e persoal, o apoio ao autoemprego, e a realización de prácticas non laborais, con estas accións a estratexia pretende mellorar o acceso ao mercado laboral dos participanetes.
Este programa de emprego é o único no que se esixe unha porcentaxe de inserción para recibir as achegas da subvención da Xunta.
Nas anteriores edicións acadáronse porcentaxes de inserción salientables. Co V InserAmes o Concello de Ames vai intentar acadar a maior cifra de inserción posible pois "somos conscientes de que todas as medidas de apoio a solventar o problema de desemprego son unha prioridade" explica o concelleiro de promoción económica, Bernardo Moar.
Os sectores básicos nos que incide este programa de emprego, e que son os que aínda rexistran demanda de emprego, son as enerxías renovables e a eficiencia enerxética e o coidado a dependentes. Aínda así, os titores atenden as particularidades de cada caso e son moitos os ámbitos nos que fan asesoramento.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "Cien personas participan en la quinta edición del plan laboral InserAmes"