Pestanas principais

Comeza unha nova edición do programa Abril de Cine coa proxección do filme "Verano 1993"

Luns, 01 de abril de 2024

Esta semana comeza unha nova edición do ciclo Abril de Cine, unha iniciativa encadrada dentro da programación deseñada polo departamento de Cultura do Concello de Ames. O obxectivo deste proxecto é achegar o cinema clásico á veciñanza amesá. A primeira proxección será este xoves, 4 de abril, co filme Verano 1993, dirixida por Carla Simón. A segunda proxección será o xoves, 11 de abril, con Les 400 Coups (Os 400 golpes). Os martes 16 e 23 de abril poderase ver The Straigth Story (Unha historia verdadeira) e In the mood for love (Desexando amar). Todos os filmes serán proxectados en versión orixinal subtitulada no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, ás 20:00 horas. Nesta edición haberá un coloquio en cada proxección nos que participarán a actriz Ledicia Sola, o escritor Diego Ameixeiras, o cineasta Alfonso Zarauza, e a actriz e directora Jaione Camborda.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura, pon en marcha por cuarto ano consecutivo o programa cultural Abril de Cine. Ao longo destes mes os veciños e veciñas de Ames poderán gozar de catro proxeccións. Deste xeito, súmase a disciplina do cinema a programación cultural do Concello, poñendo en valor esta disciplina artística como ferramenta transmisora de información e coñecemento, así como de pensamento crítico. As entradas pódense adquirir a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames.

O alcalde e concelleiro de Cultura, Blas García, explica que “en Ames xa é unha tradición facer dous ciclos de cine, un antes do verán e outro despois. O ciclo de Abril de Cine supón facer algo distinto ao habitual, facendo proxeccións en versión orixinal subtitulada”. Así mesmo, animou “á veciñanza de Ames e da contorna a sumarse a este ciclo e a desfrutar tanto das películas como dos coloquios que as acompañan”.

Catro proxeccións de cine clásico
As proxeccións serán en versión orixinal subtitulada e contarán cun convidado do eido da cultura (cinema, música, literatura...). Nesta edición estarán presentes a actriz Ledicia Sola, o escritor Diego Ameixeiras, o cineasta Alfonso Zarauza, e a actriz e directora Jaione Camborda. Cada un deles participará nun pequeno coloquio ao finalizar cada filme para afondar nos aspectos máis rechamantes da obra audiovisual. Tamén ao comezo haberá unha pequena presentación para orientar ao público cun par de claves sobre o filme antes da proxección.

Este novo ciclo do Abril de Cine comezará este xoves 4 de abril, coa película Verano 1993, dirixida por Carla Simón e galardoada con 3 premios Goya (mellor dirección novel, mellor actriz revelación e mellor interpretación masculina). Nela nárrase a historia de Frida, unha nena de seis anos que afronta o primeiro verán da súa vida coa súa nova familia adoptiva trala morte da súa nai. Durante a proxección do filme os espectadores estarán acompañados pola actriz Ledicia Sola.

A seguinte sesión terá lugar o 11 de abril. Emitirase o filme Les 400 Coups (Os 400 golpes), unha obra clave da “nouvelle vague” na que se conta a historia de Antoine Doinel, quen con 14 anos non só é testemuña dos problemas de parella dos seus pais senón que tamén debe soportar as esixencias dun severo profesor. O escritor, xornalista e guionista Diego Ameixeiras será o convidado desta sesión.

O filme The Straigth Story (Unha historia verdadeira), de David Lynch, proxectarase o martes 16 de abril. Baseada nunha historia real, narra a viaxe de Alvin Straight, un ancián que vive coa súa filla con discapacidade, para ver ao seu irmán enfermo no único medio de transporte do que dispón: unha máquina cortacéspede. Nesta ocasión, o coloquio posterior contará coa participación do realizador, guionista e produtor galego Alfonso Zarauza.

A última das sesións de longametraxes do Abril de Cine desenvolverase o 23 de abril. Proxectarase In the mood for love (Desexando amar), un filme asiático que se desenvolve no Hong Kong de 1962. Neste contexto, Chow, redactor xefe dun diario local, múdase a un edificio habitado principalmente por residentes de Shaghai onde coñece a Li-zhen, unha moza que acaba de instalarse no mesmo edificio co seu esposo. Un día, ambos descubrirán algo inesperado respecto ás súas parellas que o cambiará todo. Nesta ocasión será a directora do aclamado filme “O Corno”, Jaione Camborda, a que acompañe ao público durante o coloquio posterior á proxección.

Comeza  unha nova edición do programa Abril de Cine coa proxección do filme "Verano 1993"

Multimedia

  • Comeza  unha nova edición do programa Abril de Cine coa proxección do filme "Verano 1993"