Pestanas principais

Comeza unha nova edición do curso de castelán para estranxeiros

Venres, 28 de outubro de 2011

[28-10-2011] A Oficina de Voluntariado de Ames (OVA) pon en marcha unha nova edición do curso de castelán para estranxeiros. Este obradoiro organízase co obxectivo de dar resposta ás necesidades específicas das persoas que veñen vivir ou traballar ao concello dende outros países estranxeiros. As clases impártense os martes e xoves, en horario de mañá das 12:00 h ás 13:30 h, na Casa da Cultura de Bertamiráns. O curso comezou este xoves 27 de outubro e rematará a finais do mes de xuño. A encargada de impartir as clases de castelán será unha profesora voluntaria da OVA, Matilde Fernández. Existe unha gran diversidade entre o alumnado que participa neste curso. Hai alumnos/as de diferentes nacionalidades como Brasil, Marrocos, Corea, etc. Ata o de agora hai 6 persoas inscritas. O prazo de inscrición pecharase cando se completen un grupo de 10 persoas como máximo.

O Concello de Ames segue traballando para fomentar a integración das persoas estranxeiras que residen no municipio. Así, a Oficina de Voluntariado de Ames, en colaboración co Servizo de Atención ao Migrante (SAMI) continúa coas clases de castelán. Trátase dun obradoiro dirixido a atender as necesidades específicas das persoas que veñen a vivir ou traballar ao concello. Así, poderán aprender o básico da lingua castelá, para que lles sexa máis fácil integrarse na nosa comunidade.

Ames é un dos concellos de Galicia cun maior crecemento demográfico; nos últimos 20 anos duplicou a súa poboación. Entre outros factores, a inmigración e o retorno de galegos e galegas avalan ese incremento. Ante isto, é preciso levar a cabo unha serie de accións e políticas de comunicación para dar resposta a unha das esixencias deste sector de veciños e veciñas do municipio.

A cuarta edición do curso de español para estranxeiros comezou este xoves 27 de xaneiro e desenvolverase ata finais do mes de xuño. As clases impartiranse na Casa da Cultura de Bertamiráns en dúas sesións á semana (os martes e os xoves en horario de 12:00 h a 13:30 h). A encargada de impartir as clases de castelán é unha profesora voluntaria da OVA, Matilde Fernández. A mestra e pedagoga voluntaria que imparte o curso, non só ofrecerá leccións teóricas senón que a práctica será parte importante na aprendizaxe.

Neste curso séguese un programa de traballo axeitado aos coñecementos de cada alumno/a. Durante as primeiras sesións o alumnado aprende o vocabulario necesario e básico para utilizar o castelán. De seguido comézase coas nocións de expresión oral e gramática, para ir subindo, deste xeito, o seu nivel de coñecemento do idioma, e conseguir, ao final do curso, un nivel suficiente para comunicarse coa comunidade.

Existe unha gran diversidade de nacionalidades entre o alumnado. Así, hai alumnos/as de países como Brasil, Marrocos, Corea, etc. As leccións de léxico e gramática permitiranlle aos asistentes a incorporación á comunicación na vida cotiá e o desenvolvemento dunha correcta relación nos seus postos de traballo. Este curso é totalmente gratuíto e o material necesario para o seu desenvolvemento será proporcionado polo Concello de Ames. Dende a Oficina de Voluntariado de Ames quérese deixar claro que integración é cousa de todos, tanto das administracións públicas coma do conxunto da cidadanía.

Ata o de agora hai 6 persoas inscritas. O prazo de inscrición pecharase cando se complete un grupo de 10 persoas como máximo. Para responder a calquera tipo de dúbida ou solicitar a asistencia, as persoas interesadas dispoñen do teléfono 981 883 703 no que obterán toda a información necesaria do curso. Se o prefiren, poden presentarse na Oficina de Voluntariado de Ames (OVA), situada na Casa da Cultura de Bertamiráns, en horario de 10:00 h a 14:00 h para formalizar a súa inscrición.