Pestanas principais

Comeza unha nova edición do concurso radiofónico de teatro lido de Ames, Desata a Lingua!!

Sábado, 12 de outubro de 2013

[12-10-2013] O Concello de Ames pon en marcha a terceira edición do Concurso radiofónico de teatro lido de Ames, Desata a Lingua!!. Este concurso está dirixido ao alumnado do Concello de Ames que estea matriculado no 2º ciclo da ESO ou no Bacharelato. A participación farase en grupos formados por entre 2 e 6 persoas. Os grupos deberán ter un coordinador/a (profesorado ou calquera outra persoa adulta). A inscrición realizarase no centro de ensino, a través do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística, utilizando a ficha de inscrición que se facilite. O prazo para inscribirse remata o 25 de outubro de 2013. Repartiranse un total de 600 euros en tres premios dotados con 200 euros cada un. Ademais, haberá unha mención especial para a mellor interpretación masculina e feminina.


Repartiranse 600 euros en premios
Repartiranse un total de 600 euros en tres premios dotados con 200 euros cada un. A audiencia da radio municipal escollerá entre as pezas emitidas a que obterá o premio do público. Este premio está dotado con 200 euros. A votación realizarase entre o 26 de novembro e o 5 de decembro a través do correo electrónico radioteatro@concellodeames.org ou do teléfono 981 890 452. Cada persoa que vote terá que identificarse e só se computará un voto por persoa.

Haberá outros dous premios: premio ao mellor guión orixinal e premio á mellor interpretación. Estes dous premios tamén estarán dotados con 200 euros cada un. A Alcaldía Concello de Ames designará un xurado que será o encargado de seleccionar todos os premios, agás o do público. Todo o alumnado e profesorado participante recibirá como agasallo dous convites para unha das funcións teatrais programadas polo Concello de Ames. Estes convites poderán intercambiarse por entradas no prazo de reserva establecido polo Concello e estarán suxeitos á dispoñibilidade de aforo.

Ademais, haberá unha mención especial para a mellor interpretación masculina e feminina. Os premios faranse públicos na segunda semana de decembro e entregaranse o venres, 13 de decembro, na Casa da Cultura do Milladoiro.

O Concurso Radiofónico de Teatro Lido pretende dinamizar dun xeito lúdico o uso oral e escrito do galego entre a mocidade amesá a través da reflexión colectiva e da creatividade. Intenta, ademais, fomentar o gusto polo teatro entre a mocidade e o achegamento á radio municipal. Estes son algúns dos obxectivos desta iniciativa posta en marcha polos departamentos de Normalización Lingüística e Comunicación do Concello de Ames.

Neste concurso poderá participar todo o alumnado do Concello de Ames que estea matriculado no 2º ciclo da ESO ou no Bacharelato. A participación farase por grupos formados por entre 2 e 6 persoas. Os grupos poderán estar dirixidos polo profesorado que así o desexe, ou por calquera outro/a monitor/a nomeado polo grupo participante.

Os textos deben estar en lingua galega. A temática será libre, aínda que se valorará que estea relacionada con algún tema de actualidade. O texto poderá ser de creación propia ou unha adaptación/recreación dun texto de autor/a. O tempo estimado de emisión para cada unha das pezas estará entre os 5 e os 10 minutos.

A inscrición dos participantes realizarase no propio centro de estudos, a través do Equipo de Dinamización Lingüística e utilizando a ficha de inscrición que se facilite. O prazo para inscribirse remata o 25 de outubro de 2013.

Xornada de formación
Todo o alumnado inscrito participará nunha xornada de formación impartida por unha persoa especialista en radio e teatro na que se achegarán claves de locución e interpretación. Esta xornada terá unha duración de tres horas e impartirase nos centros de ensino entre o 12 e o 15 de novembro.

Todos os grupos participantes realizarán a montaxe das pezas na Radio municipal de Ames, entre o 18 e o 22 de novembro, previa cita fixada pola organización. A emisión das pezas realizarase en Ames Radio (FM 107.2) entre o 25 de novembro e o 5 de decembro nas seguintes franxas horarias: das 13:30 h ás 14:30 e das 22:00 h ás 23:00 h (de luns a venres). O 25 de novembro e o 2 de decembro realizarase unha emisión especial pola tarde na que se poderán escoitar todas as pezas. Para tal fin, entenderanse cedidos a favor do Concello de Ames os dereitos de comunicación pública, reprodución e distribución. Aos grupos participantes facilitaráselles unha copia da súa peza.