Pestanas principais

Comeza unha nova edición da Escola municipal de adultos con máis de 30 persoas inscritas

Xoves, 24 de outubro de 2013

[24-10-2013] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Educación, puxo en marcha esta semana unha nova edición da Escola municipal de adultos cun total de 31 participantes. As clases desenvolveranse os luns, martes, mércores e xoves, en horario de 18:00 h a 21:00 horas, no Centro de Formación e Servizos Múltiples do Concello en Aldea Nova. O concelleiro de Educación, Bernardo Moar, visitou aos participantes esta semana para darlles animo e desexarlles que obteñan o título da ESO. Este servizo desenvólvese co obxectivo de axudar aos adultos a preparar os exames que son necesarios superar para a obtención do graduado en ESO. O prazo de inscrición para participar neste programa está aberto durante todo o curso. Para obter máis información poden chamar ao número de teléfono 981 891 476.

A Escola municipal de adultos axúdalles ás persoas maiores de 18 anos do concello a obter o título de educación secundaria preparando os exames necesarios. As clases deste servizo, que está impulsado pola Concellaría de Educación, son impartidas por unha técnica municipal do departamento de Educación. Para este curso xa hai 31 persoas inscritas (17 persoas cursarán 3º da ESO, mentres que o resto de usuarios/as están repartidos nos cursos de 1º, 2º e 4º da ESO).

O concelleiro de Educación, Bernardo Moar, visitou ao alumnado que participa este ano neste programa educativo. Bernardo Moar destacou que “o Concello de Ames segue apostando por este proxecto que lle axuda ás persoas amienses maiores de 18 anos a obter o título da ESO”. Ademais, o concelleiro de Educación salientou os bos resultados do curso pasado. “Do número total de alumnos/as presentados aos exames finais, o 80% obtivo o título da ESO. Ao alumnado restante quedoulle algún ámbito do que se terá que volver a examinar. Ademais, 5 alumnos/as aprobaron 1º e 2º da ESO e este curso farán 3º e 4º co obxectivo de obter o graduado na ensinanza secundaria obrigatoria”.

O curso 2012-2013 da Escola municipal de adultos enmarcouse dentro do programa de redución do abandono escolar nos concellos de Galicia. Polo tanto, o servizo estivo subvencionado pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

A matrícula está aberta todo o ano 
O prazo de matrícula para asistir á Escola municipal de adultos permanece aberto ao longo de todo o ano, polo tanto poden apuntarse aquelas persoas que só desexen realizar o exame final no IES San Clemente de Santiago de Compostela, malia que é recomendable a asistencia ás aulas para ter maiores garantías de aprobar.

O curso está dividido en dous cuadrimestres, e dentro destes hai catro módulos equivalentes aos catro cursos que configuran a Educación Secundaria Obrigatoria (ESO). Cada un dos módulos inclúe Comunicación (galego, castelán, terceiro idioma), Sociais e Científico-tecnolóxico.

A educación que ofrece a Escola Municipal de Adultos baséase principalmente na autoaprendizaxe en función das experiencias propias, as necesidades e os intereses do alumnado e é un ensino presencial. Con esta iniciativa, e máis en tempo de crise, ofrécese a oportunidade a un grande número de persoas de melloraren o seu currículum e contar así con maior formación e posibilidades desde o punto de vista laboral.

Tramitación das inscricións 
As clases impártense nunha aula do Centro de Formación e Servizos Múltiples do Concello en Aldea Nova ao longo da semana laboral en horario de 18:00 h a 21:00 horas. Á hora de organizar os cursos académicos, tense en conta o perfil de cada alumno/a e valóranse factores que van desde a idade á formación inicial, dispoñibilidade persoal de asistencia ou a procedencia da persoa. Existe, ademais, un servizo de titoría clave á hora de preparar as probas finais.

Todos os veciños e veciñas de Ames maiores de 18 anos que desexen obter o título de graduado en educación secundaria, poden matricularse para este curso 2013-2014 no departamento de Educación, situado no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, e nas Oficinas Municipais do Milladoiro, na rúa de Abaixo, número 10. Ante calquera dúbida poden chamar ao departamento de Educación a través do número de teléfono 981 891 476.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Comeza unha nova edición da Escola municipal de adultos con máis de 30 persoas inscritas"