Pestanas principais

Comeza unha nova edición da Escola Integral de Maiores con 54 alumnos/as

Xoves, 18 de outubro de 2012

[18-10-2012] Por décimo ano ano consecutivo, o Concello de Ames acaba de inaugurar un novo curso na Escola Integral de Maiores de Bertamiráns e do Milladoiro. Nesta escola, moitos amienses que non tiveron a oportunidade de estudar cando eran novos, aprenden a ler, a escribir ou a facer pequenas operacións matemáticas. As clases que acaban de botar a andar, impártense na Casa da Cultura do Milladoiro e na Casa da Cultura de Bertamiráns. O concelleiro de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado, Manuel Ferreiro, foi o encargado de inaugurar o novo curso.

A Oficina do Voluntariado de Ames (OVA) puxo en marcha unha nova edición da Escola Integral de Maiores, unha iniciativa da Concellaría Deportes, Tempo libre e Voluntariado, que está dirixida ás persoas maiores que non tiveron a oportunidade de estudar cando eran novas.

Aprender a ler, a escribir ou a facer operacións matemáticas. Estes son algúns dos conceptos básicos que se ensinan neste escola. Como o seu propio nome indica, trátase dunha escola integral na que, ademais das actividades formativas, organízanse outras paralelas como charlas, saídas culturais ou excursións.

Durante este curso 2012-2013, un total de 54 alumnos e alumnas participan nas actividades da Escolas Integral de Maiores, repartidos entre Bertamiráns e O Milladoiro. O profesor voluntario Antonio Rodríguez Escalona e a profesora voluntaria Antonia Esperante Molinos son os encargados de impartir as clases e organizar todas as actividades que se realizan ao amparo desta escola.

As clases no Milladoiro impártense na Casa da Cultura os mércores e os venres, en horario de 16:30 h a 19:00 horas, mentres que en Bertamiráns terán o mesmo horario, pero os mércores e os xoves.

As persoas que desexen obter máis información deberán dirixirse á Oficina Municipal do Voluntariado (OVA) ao teléfono 662 377 044, ou ben ás Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. Tamén poden enviar un correo electrónico a voluntariado@concellodeames.org

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Comeza unha nova edición en Ames da Escola Integral de Maiores con 54 alumnos/as"
La Voz de Galicia: "Arranca en Ames una nueva edición de la Escola Integral de Maiores"