Pestanas principais

Comeza un novo mes cheo de contos nas bibliotecas municipais

Luns, 28 de novembro de 2016

[28-11-2016] As bibliotecas municipais de Bertamiráns e do Milladoiro organizan durante as vindeiras semanas novas sesións de contacontos para os amesáns e amesás máis novos. Esta actividade, organizada pola concellaría de Educación e Cultura, é gratuíta e de asistencia libre. As primeiras sesións terán lugar este mércores, 30 de novembro, na biblioteca de Bertamiráns, e o xoves 1 de decembro, na biblioteca do Milladoiro. Posteriormente, durante a segunda semana de decembro haberá novas sesións de contacontos, o mércores 14 no Milladoiro e o xoves 15 en Bertamiráns. Estas actividades enmárcanse dentro do programa municipal de animación á lectura.

As actividades de animación á lectura que ofrecen as Bibliotecas municipais de Ames amósanlles aos rapaces e rapazas, mediante sesións de contacontos, a maxia que agochan os libros. Para un mellor funcionamento, as actividades están adaptadas ás idades dos nenos e nenas. Así, as sesións de contacontos están dirixidas especialmente aos nenos/as de entre 3 e 8 anos.

Durante as vindeiras semanas haberá catro sesións de contos. A primeira semana baixo o título Princesas, cabaleiros e familias sorprendentes, relataranse contos que rompen os estereotipos de xénero. Os nenos e nenas poderán escoitar estes contos o mércores 30 de novembro na biblioteca de Bertamiráns e o xoves 1 de decembro na biblioteca do Milladoiro. As últimas sesións de contos do ano realizaranse o mércores 14 no Milladoiro e o xoves 15 en Bertamiráns. Neste caso, baixo o lema Trompas, raias e bocexos que cambiaron impartiranse relatos sobre o respecto ás diferenzas.

Durante este curso os contos non se centran nunha única temática senón que durante cada mes abordaranse temas distintos, sempre relacionados con aspectos de interese e de actualidade na formación emotiva, artística e formal dos máis cativos. Así, abordáronse diferentes temas como a igualdade de xénero, o respecto á diversidade, a integración, os estereotipos de xénero e o respecto ás diferenzas.