Pestanas principais

Comeza a última quincena da Escola de Verán

Xoves, 16 de agosto de 2018

[16-08-2018] 140 nenos e nenas participan dende hoxe na última quincena da Escola de Verán, que este ano ten como lema Alerta Ames!. Logo de traballar e aprender sobre diferentes aspectos da terra, o lume e a auga, os rapaces e rapazas abordarán nestas dúas próximas semanas aspectos de interese sobre o aire e a importancia das enerxías renovables. Con este programa o Concello de Ames, a través da Concellaría de Educación e Cultura, pretende facilitar ás familias a conciliación da vida laboral e familiar durante a época estival.

Dende hoxe e ata finais deste mes de agosto, un total de 140 nenos e nenas acuden á última quincena da Escola de Verán, 68 no Milladoiro (31 en infantil e 37 de primaria) e 72 en Bertamiráns (38 en infantil e 34 en primaria). Nestes últimos quince días do mes, os rapaces farán actividades relacionadas co aire e a importancia das enerxías renovables, como unha xincana de enerxía ou a elaboración de fitas de vento. Para rematar o verán, realizarase una festa final na que se proxectará a segunda parte do documental Alerta Ames! realizado polo alumnado. Ademais, estas actividades e dinámicas, ao igual que nas anteriores quincenas, complétanse con xogos de distensión, speak and play, xogos na natureza, xogos cooperativos, diverciencia e moitas alternativas para gozar dun verán diferente.

Coidado do medio ambiente
Esta edición da Escola de Verán está orientada a concienciar aos nenos e nenas da importancia de coidar o medio ambiente e adoptar un punto de vista ecoloxista. Así, durante a primeira quincena de xullo, as nenas e nenos que participaron na Escola de Verán crearon un grupo ecoloxista baseado nuns principios, slogan e logotipo propios. Tamén fixeron varios agasallos e caixas de correo elaboradas con material reciclado, e o coidado dunha pequena horta urbana. Ademais, comezaron a elaborar un documental onde se plasman os principais problemas medioambientais que sofre a súa contorna e posibles solucións para atallalos, no que tamén aparecen entrevistas con persoas do concello, experimentos e unha relación das actividades realizadas.

Os últimos quince días do mes de xullo adicáronos ao lume e ao problema medioambiental no que pode converterse o seu uso descontrolado, polo que se fixo especial fincapé na concienciación do perigo que supón a polución e os incendios. Así, os cativos e cativas enfrontáronse en varias situacións co lume mediante pequenas obras de teatro, unha xincana de olores e unha saída a unha zona afectada polos incendios, para rematar coa Berta Chef e a proxección da primeira parte do documental Alerta Ames!.


A primeira quincena de agosto estivo adicada aos problemas que supoñen a contaminación e os plásticos na auga, así como o seu consumo descontrolado. Os nenos e nenas realizaron un photocall de “acuario xigante” así como pequenos acuarios realizados con materiais de refugallo ambientados no Polo Norte, no Caribe e nas costas galegas. Tamén se realizou unha tómbola acuática cos xoguetes feitos durante o mes de xullo.

Na segunda metade de agosto as actividades xiran en torno ao aire e a importancia das enerxías renovables. Os cativos e cativas farán unha xincana de enerxía ou a elaboración de fitas de vento. Para rematar o verán, realizarase una festa final na que se proxectará a segunda parte do documental realizado polo alumnado.

Contido relacionado


Compostela 24 horas: "Comeza a última quincena da Escola de Verán"