Pestanas principais

Comeza a terceira edición do concurso Canta con Ames

Mércores, 19 de xullo de 2023

O venres 21 de xullo comeza unha nova edición do concurso Canta con Ames coa primeira xornada de preselección. Nesta edición hai 24 persoas inscritas de Santiago de Compostela, Vigo, Arteixo e Ames. Haberá tres categorías. Elimínase a categoría súper sénior ao haber dúas persoas inscritas que pasan á categoría sénior. Deste xeito, na primeira categoría (infantil ata os 12 anos) hai inscritas 10 persoas; na segunda categoría (xuvenil, de 13 a 20 anos) apuntáronse 6 mozos/as; e na terceira categoría (sénior, de 21 en diante) participan 8 artistas. Haberá dúas xornadas de preselección, unha o venres 21 de xullo no Milladoiro e outra o sábado 29 en Bertamiráns. A semifinal será no Milladoiro o 4 de agosto e a final celebrase en Bertamiráns o 18 de agosto. O xurado do concurso está composto por Inés Suárez, Noelia Bellas e Lara López, mentres que a presentadora será Loly Gómez.

O concurso Canta con Ames está organizado pola Concellaría de Promoción Económica e colaboran as asociacións de empresarios Novo Milladoiro e maila Xuntanza de Empresarios de Ames. No certame poden participar cantantes afeccionados/as. Non poden participar profesionais da música, aínda que non estean na actualidade en activo.  

Nesta edición hai 24 persoas inscritas de Santiago de Compostela, Vigo, Arteixo e Ames. Finalmente establécense tres categorías. As dúas persoas inscritas na categoría súper sénior pasan á categoría sénior, porque tal e como se establece nas bases é necesario que haxa como mínimo 5 persoas inscritas en cada categoría. Na categoría súper sénior había dúas persoas inscritas polo que o xurado decidiu que pasan a formar parte da categoría sénior.

Deste xeito, na primeira categoría (infantil ata os 12 anos) hai inscritas 10 persoas; na segunda categoría (xuvenil, de 13 a 20 anos) apuntáronse 6 mozos/as; e na terceira categoría (sénior, de 21 en diante) participan 8 artistas.

Na categoría infantil (ata os 12 anos) participan Iker Alonso, Ana Ramos, Candela Caamaño, Antía Holovat, Jimena Barreiro, Alex Fernández, Esmeralda Parra, Andrea Sedón, María Pose e Julia Barreiro. Na categoría xuvenil, de 13 a 20 anos, inscribíronse Anxo Villanueva, Claudia Riotorto, Antía Boo, Sofía Lado, Paula Fernández e María Álvarez. Na categoría sénior, de 21 en diante, competirán Iris Durán, Frankie, Noelia Turnes, María Salaño, Ainhoa Conde, María Caamaño, Rosario e Manuel Corbacho.

A concelleira de Promoción Económica, Emprendemento e Atención e Participación Veciñal, Ana Belén Paz, destaca “a consolidación deste concurso creado en 2021 e que tras tres anos de percorrido xa se asentou entre a programación de verán do Concello de Ames. Un boa mostra de dita consolidación é que nesta terceira edición do Canta con Ames contamos con 24 participantes de Ames e Santiago de Compostela, pero tamén de concellos máis afastados ao noso municipio como son Arteixo e Vigo”.

Ademais, engadiu que “este ano as fases de preselección serán máis tarde, ás 20.00 horas. Isto permite que a veciñanza poida ir pola tarde á praia ou á piscina e despois se achegue a praza de Manuel Murguía, no Milladoiro, ou ao parque do Ameneiral, en Bertamiráns, para animar aos/ás participantes no concurso”. Por último dixo que “non podemos esquecernos do motivo polo que naceu este concurso que non é outro que animar as rúas de Ames e incentivar así as compras no comercio e na hostalería amesá”.  

Fase de preselección
O concurso está composto de varias fases. Haberá dous días de preselección, o 21 de xullo, ás 20.00 horas, na praza de Manuel Murguía, no Milladoiro, e mailo 29 de xullo, tamén ás 20.00 horas, no parque do Ameneiral, en Bertamiráns. Na fase de preselección só se interpretará unha canción (ou segmento) en idioma galego/castelán ou en inglés. O xurado escollerá un máximo de 20 persoas seleccionadas en total por ambas xornadas.

O venres 21 de xullo no Milladoiro participarán Iker Alonso, Jimena Barreiro, Andrea Sedón, María Pose, Julia Barreiro (categoría infantil); Anxo Villanueva, Sofía Lado (categoría xuvenil); Frankie, María Salaño, María Caamaño, Rosario e Manuel Corbacho (categoría sénior).
 
Posteriormente, o sábado 29 de xullo, en Bertamiráns, actuarán Ana Ramos, Candela Caamaño, Antía Holovat, Alex Fernández e Esmeralda Parra (categoría infantil); Claudia Riotorto, Antía Boo, Paula Fernández e María Álvarez (categoría xuvenil); Irís Durán, Noelia Turnes e Ainhoa Conde (categoría sénior).

Ao final da segunda xornada de preselección, o xurado anunciará en directo as persoas seleccionadas que pasan á semifinal. Posteriormente, antes do 2 de agosto, as persoas seleccionadas deberan poñerse en contacto coa organización para acordar o tema a interpretar na seguinte fase a través da dirección de correo electrónico amesnarua@gmail.com.

Semifinal e final no mes de agosto
A semifinal será o 4 de agosto, ás 20.00 horas, na praza de Manuel Murguía, no Milladoiro, á que terán acceso as persoas clasificadas na fase de preselección, un máximo de 20 persoas en total, cada unha na categoría que lle corresponda. Só se interpretará unha canción (ou segmento) en idioma galego/castelán ou en inglés. A duración do tema determinarase co xurado en cada caso. O xurado escollerá, ese mesmo día un máximo de 12 persoas seleccionadas, catro por categoría, para pasar á final.

A gran final realizarase o 18 de agosto, ás 20.00 horas, no parque do Ameneiral, en Bertamiráns. Na fase final as 12 persoas aspirantes interpretarán dous temas completos por participante e de diferente estilo musical. Non poderán coincidir en temas musicais entre as persoas candidatas, de ser así, deberán chegar a acordo para non interpretar o mesmo.

Este ano o xurado do concurso está composto por Inés Suárez Rey, Noelia Bellas Ferreira e Lara López Súarez, mentres que a presentadora será Loly Gómez Oviedo.

Premios
O xurado anunciará o día da final un gañador ou gañadora por categoría. Por cada categoría, aos gañadores ou gañadoras premiaráselle cun trofeo en recoñecemento da participación, unha cesta saudable, un vídeo profesional sobre o seu paso polo concurso, cantar nas prebadaladas de fin de ano e unha tarxeta valorada en 100 euros para gastar nos comercios da asociación de comerciantes Xuntanza de Empresarios de Ames.

Por outra banda, ao resto de participantes que chegaran á final en cada categoría premiaráselles cun trofeo, unha cesta saudable, un vídeo profesional do seu paso polo concurso e unha tarxeta regalo valorada en 30 euros para gastar nos comercios da asociación de comerciantes Xuntanza de Empresarios de Ames.

Novas relacionadas:

Ames Go: "Arrinca o terceiro Canta con Ames"

Cartaz do programa Canta con Ames 2023

Multimedia

  • Cartaz do programa Canta con Ames 2023