[22-11-2018] A Oficina de Voluntariado de Ames e a asociación de veciños Vivo en Ames, xa están á procura de trasnos co obxectivo de que ningún cativo/a quede sen o seu agasallo de Nadal. Así, os trasnos serán persoas voluntarias que queiran achegar un agasallo de Reis a unha nena ou neno cuxa familia estea a atravesar por un momento de dificultades económicas. Quen desexe rexistrarse como trasno poderá facelo chamando á Oficina de Voluntariado de Ames a través do 662 37 70 44, á Asociación Vivo en Ames mediante o 687 05 46 35 ou enviando un correo electrónico ao enderezo zocosetrasnos@gmail.com ou unha mensaxe privada á conta de Facebook do voluntariado ou da propia asociación. O rexistro tamén se pode facer de xeito presencial na Oficina de Voluntariado de Ames, situada na Casa da Cultura de Bertamiráns. Os agasallos non poderán ser de carácter sexista nin bélico.
A falta dunhas semanas para a chegada do Nadal, a Oficina de Voluntariado de Ames (OVA) e maila asociación veciñal Vivo en Ames, en colaboración coa Concellaría de Benestar Social, poñen en marcha a terceira edición da campaña Zocos e Trasnos. Nesta iniciativa, as zocas e zocos son nenas e nenos, dos 0 aos 14 anos, cuxas familias están a pasar por un momento de dificultades económicas. O obxectivo da campaña é que ningunha crianza quede sen agasallos este Nadal, para o que se necesitan os trasnos, persoas voluntarias que merquen un presente para algunha destas nenas e nenos. Na pasada edición, foron 200 as crianzas que se beneficiaron deste programa.
A organización desta iniciativa será a encargada de recoller as cartas escritas polas crianzas aos Reis Magos. Estas cartas chegarán aos trasnos a través dun correo electrónico, dunha mensaxe ao móbil ou mesmo en man, acompañadas dun código identificativo da nena ou neno (non se darán nomes nin apelidos). Cada trasno deberá escoller un só presente da carta, que non poderá superar os trinta euros, non será de tipo bélico nin terá compoñentes sexistas. Unha vez mercado, o trasno deberá levar o seu regalo envolto e co código identificativo a algún dos puntos de recollida que se instalarán en Ames. Os agasallos serán entregados posteriormente ás familias, para que estas os coloquen debaixo da árbore na mañá de Reis.
Como ser un trasno?
As persoas interesadas en formar parte da campaña Zocos e Trasnos poden apuntarse chamando ao teléfono da OVA, 662 37 70 44, ou ao da asociación veciñal Vivimos en Ames, 687 05 46 35, enviando un correo electrónico ao enderezo zocosetrasnos@gmail.com ou mandando unha mensaxe privada ás contas de Facebook da OVA ou da propia asociación. Tamén é posible apuntarse de xeito presencial na Oficina de Voluntariado de Ames, situada na Casa da Cultura de Bertamiráns. As persoas participantes nas anteriores edicións, recibirán información por correo electrónico para seguir contando coa súa axuda este ano.

Contido relacionado

Compostela 24 horas: "Comeza a terceira edición da campaña "Zocos e Trasnos" en Ames"
La Voz de Galicia: "Mertxe Álvarez: «Se buscan trasnos dispuestos a ayudar»"




