Pestanas principais

Comeza a temporada estival en Ames coa apertura das piscinas descubertas e da praia fluvial de Tapia

Venres, 15 de xuño de 2012

[15-06-2012] Dende o día 16 de xuño ata o 16 de setembro, as piscinas descubertas de Bertamiráns e do Milladoiro e a área recreativa de Tapia ofreceranlle á veciñanza amiense unha alternativa á costa galega. Este sábado comeza oficialmente o período estival en Ames xa que as piscinas descubertas municipais e a praia fluvial de Tapia abrirán ao público por primeira vez este ano. Os horario de apertura das piscinas do Milladoiro e Bertamiráns será de 10:30 h a 20:30 horas, de luns a domingo, mentres que na praia fluvial de Tapia o horario de apertura será de 15:00 h a 21:00 horas, de luns a venres, e os sábados e domingos, de 11:00 h a 21:00 horas. Durante estes horarios haberá servizo de vixilancia e socorrismo.


As piscinas descubertas de Bertamiráns e O Milladoiro e a área recreativa de Tapia, que se atopa ás beiras do río Tambre, convértense durante os meses de verán en lugares moi concorridos por todos os veciños e veciñas de Ames. Nada mellor para liberarse da abafante calor do verán que un baño nas piscinas municipais ou na praia fluvial de Tapia. Estas instalacións preséntanse como grandes alternativas aos areais da costa galega.

Para que estas instalacións estean en perfectas condicións, a Concellaría de Obras estivo acondicionando as piscinas municipais descubertas e a área recreativa de Tapia durante as dúas últimas semanas do mes de maio e os primeiros días de xuño. A brigada de Obras foi a encargada de executar os traballos de acondicionamento e de limpeza de todo o contorno destas instalacións. Primeiro limparon e acondicionaron as piscinas municipais e a continuación realizaron estes mesmos traballos na praia fluvial de Tapia.

A piscina de Bertamiráns dispón dunhas dimensións de 27 metros de longo por 13 metros de ancho e unha profundidade de 1,70 metros. No Milladoiro existen dúas piscinas. Unha delas está dedicada ás persoas adultas cunha profundidade de 2,10 metros, mentres que a outra é para os cativos e conta cunha profundidade de medio metro.

A área recreativa de Tapia abarca unha extensión total de 15.000 metros cadrados. Esta enorme área engloba un gran número de instalacións como son a praia fluvial, con dúas zonas de baño no propio río, unha piscina para nenos, as instalacións do club de piragüismo "Ribeiras do Tambre", un muíño rehabilitado, vestiarios, grellas, e un pequeno bar, todo isto rodeado por amplas zonas verdes, onde poder tomar o sol, e zonas de aparcadoiro. Estas instalacións acollen numerosas iniciativas como son os cursos de natación, de iniciación ao piragüismo, etc.

As instalacións de Tapia así como as existentes en Bertamiráns e Milladoiro permanecen abertas ó público dende mediados de xuño ata mediados de setembro, permanecendo abertas de luns a domingo, festivos incluídos. Na praia fluvial de Tapia o horario será de 15:00 h a 21:00 horas de luns a venres, os sábados e domingos de 11:00 h a 21:00 horas. Nas piscinas do Milladoiro e Bertamiráns o horario será de 10:30 h a 20:30 horas, de luns a domingo.

Servizo de vixilancia e socorrismo

O servizo de vixilancia e socorrismo comezará a prestarse o día 16 de xuño e estará activo ata o 16 de setembro, incluídos os domingos e os festivos. O horario será ininterrompido, pero haberá diferencias entre Tapia e as piscinas. Así, na praia fluvial de Tapia haberá catro socorristas. O horario de vixilancia de luns a venres será de 15:00 h a 21:00 horas, mentres que os sábados e domingos este servizo prestarase en horario de 11:00 h a 21:00 horas.

Por outra banda, nas piscinas municipais descubertas do Milladoiro e de Bertamiráns haberá dous socorristas en cada unha das piscinas. O horario de vixilancia será fixo de 10:30 h a 20:30 horas, de luns a domingo. Ademais, haberá un coordinador encargado de coordinar aos oito socorristas que prestarán os seus servizos nestas instalacións municipais.

Para completar os labores de vixilancia o Concello de Ames realizou un proceso selectivo para contratar a seis vixiantes que atenderán as instalacións das piscinas municipais descubertas do Concello de Ames durante o período estival. Estas persoas serán as encargadas de limpar as piscinas descubertas, controlar a entrada a estas instalacións e de manter a orde dentro dos recintos.


Contido relacionado