Pestanas principais

Comeza a segunda fase formativa do programa InserAmes Brión no que participan 80 persoas desempregadas dos dous municipios

Luns, 17 de marzo de 2014

[17-03-2014] Dende finais do mes de novembro os Concellos de Ames e de Brión están levando a cabo un proxecto común. Trátase do programa integrado para o emprego InserAmes Brión no que están participando un total de 80 persoas. Durante os primeiros meses deste programa impartiuse a primeira fase de formación. A continuación, os usuarios/as comezaron a realizar prácticas en distintas empresas do concello e da comarca de Compostela. Agora, comeza a segunda fase do plan de formación que está composto de 10 cursos formativos, así como dun módulo de prácticas profesionais. A formación estase impartindo no Centro de Formación e Emprego e no Centro de Servizos Múltiples, ambos situados en Ames, e na Aula Cemit de Brión. Un total de 16 persoas xa lograron a inserción laboral dende que se puxo en marcha este programa.

O alumnado que está participando no programa InserAmes-Brión continúa formándose co obxecto de acceder ao mercado laboral. Deste xeito, durante este mes de marzo ponse en marcha a segunda fase do plan de formación deste programa integrado para o emprego. Entre marzo e maio impartiranse un total de 10 cursos e un módulo de prácticas profesionais en empresas. En total, impartiranse un total de 364 horas de cursos formativos e prácticas en empresas.

A segunda fase do plan de formación está composto por un curso de inglés (nivel medio); un curso de informática sobre o programa Excel (nivel medio); un curso de informática básica; dous cursos de técnicas de búsqueda de emprego; un curso de técnicas de comunicación (habilidades sociais); un curso de prevención de riscos laborais (nivel básico); un curso de limpeza, tratamento e mantemento de solo, paredes e teitos en edificios e locais; un curso de técnicas e procedementos de limpeza con utilización de maquinaria; e un curso de autoemprego. Ademais, o alumnado que faga os dous cursos de limpeza participará nun módulo de prácticas profesionais, non laborais, de limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais.

Previamente, xa se iniciaron un total de 12 accións formativas no marco do programa InserAmes Brión. Deste xeito, impartiuse un curso de operario de almacén e de atención e coidados especializados a persoas dependentes, con 200 horas de formación cada un. Tamén se puxo en marcha a actividade formativa de operario de caixa-repoñedor, con 126 horas, e de eficiencia enerxética en edificios, con 50 horas. Os alumnos/as de InserAmes Brión tamén levaron a cabo un curso de informática básica, que contou con 24 horas; outro de inglés, con 40 horas, e un máis de manipulador de alimentos, que tivo unha duración de 40 horas. A maiores, celebrouse unha xornada de autoemprego e un curso de xestión de equipos de traballo.

A formación estase realizando en Ames, no Centro de Formación e Emprego e no Centro de Servizos Múltiples, e en Brión, na Aula Cemit dese municipio. As accións formativas do programa InserAmes Brión están destinadas principalmente a menores de 30 anos desempregados e a mulleres de baixa cualificación, aínda que tamén está aberta a outros colectivos con especiais dificultades para acceder a un emprego.

Inserción laboral
Por outra banda, cómpre destacar que dos 80 alumnos/as que están realizando a súa formación no programa integrado, un total de 16 xa atoparon emprego. Ademais, un grupo de 38 alumnos/as están realizando ou xa realizaron prácticas en distintas empresas do concello e da comarca de Compostela (9 alumnos/as que realizaron o curso de atención e coidados especializados a persoas dependentes fixeron prácticas en cinco empresas, 20 alumnos/as que fixeron o curso de operario de almacén realizaron ou están realizando prácticas en 8 empresas; e 9 alumnos/as que participaron no curso de operario de caixa-repoñedor fixeron prácticas en cinco empresas).

Trátase xa da sexta edición deste programa de formación que desenvolve o Concello de Ames, sendo a primeira ocasión na que conta coa colaboración do Concello de Brión. No 2013, os dous municipios, dentro da liña de colaboración que veñen desenvolvendo, decidiron deseñar un programa conxunto, convencidos de que esta colaboración permitiría prestar de forma eficaz e eficiente o servizo de programa integrado para o emprego e minoraría os custes económicos da prestación illada do mesmo servizo. A finalidade desta iniciativa é posibilitar na actual situación de crise económica a prestación dun servizo que formará aos participantes e permitiría reducir o desemprego nos dous concellos.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Arranca a segunda fase de InserAmes Brión con oitenta desempregados"
La Voz de Galicia: "El programa Inser logra empleo para dieciséis personas"